Ferrol lembrou cunha ofrenda floral a figura de Gonzalo Torrente Ballester

Ferrol lembrou cunha ofrenda floral a figura de Gonzalo Torrente Ballester
un momento da homenaxe ao insigne escritor ferrolán

O cemiterio de Serantes acolleu onte os actos institucionais organizados polo Concello de Ferrol co gallo do XIV aniversario do pasamento de Gonzalo Torrente Ballester (1910-1999). Representantes dos grupos municipais do PP, PSOE e Independientes por Ferrol así como o profesor e estudoso da obra de Torrente Ballester, Jose Antonio Ponte Far, representantes do Real Coro Toxos e Froles, amigos e admiradores da obra do autor de “La saga/fuga de J.B.” asistiron a este acto, que consistiu nunha ofrenda floral na tumba deste Fillo Predilecto de Ferrol.

Na súa intervención, o concelleiro delegado de Cultura, Reyes García Hurtado, destacou de Gonzalo Torrente Ballester o feito de que “é o persoeiro máis importante que deu a nosa cidade. Un ferrolán que forma parte da historia da cultura universal e que recibiu en vida todos os premios literarios aos que se pode aspirar”, engadindo que “hoxe sobrevive a través das súas obras e dos seus lectores”. Pola súa banda, Ponte Far sinalou que Torrente “estaría moi contento se puidera ver esta escena, na que un grupo de amigos e representantes da cidadanía de Ferrol, estamos aquí para lembralo”. Así mesmo, o estudoso da obra do autor de “Fragmentos de apocalipsis”, apuntou que este “acertou ao escoller Serantes como sitio onde descansar, pois foi aquí onde pasou a súa infancia e esta é unha terra que lle inspirou na súa obra. A mellor homenaxe que se lle pode facer a un escrito e ler a súa obra. Mentres os libros de don Gonzalo teñan lectores este seguirá vivo”, concluíu Ponte. A Banda de Música Ferrolá e a lectura dun texto a cargo da profesora Ángeles Seoane pecharon o acto institucional en memoria do gran escritor ferrolán.

 

Ferrol lembrou cunha ofrenda floral a figura de Gonzalo Torrente Ballester

Te puede interesar