“A nosa filosofía é a educación en valores”

“A nosa filosofía é a educación en valores”
III concurso de buenas prácticas para el éxito educativo al CEIP SAn Xoan de Filgueira

O CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira ten desde onte un novo galardón que engadir aos xa acadados nos últimos anos polo traballo desenvolvido pola comunidade educativa. Desta volta trátase do Premio “Buenas prácticas para el éxito educativo” promovido pola Fundación SM a nivel estatal e que onte foi entregado nun acto celebrado no centro cultural Torrente Ballester, no que a continuación tivo lugar unha mesa redonda sobre “Proxectos inclusivos: construyendo la edución en común”. 
Dotado con 5.000 euros, o recoñecemento supón un novo estímulo para os docentes de un colexio caracterizado pola gran diversidade do alumnado e polos múltiples e variados proxectos que cada curso se poñen en marcha para “dar resposta por igual a todo o mundo”.
A directora, Marián López, salienta o carácter inclusivo dun centro cuxa filosofía ten o seu piar fundamental na “educación en valores, na formación integral das persoas”, sen deixar de lado, por suposto, o currículo académico. Queren que os alumnos –186 na actualidade– poidan sentirse no colexio como na súa casa. “Intentamos que veñan ao colexio felices, motivados”.

programa
Todo isto, claro está, supón un importante esforzo a un profesorado absolutamente convencido dun proxecto educativo que marca as liñas mestras do traballo desenvolvido diariamente. Foi precisamente este proxecto, artellado baixo o título “A miña escola, a miña familia”, o que vén de obter o recoñecemento.
O programa de titorías para traballar cos escolares aspectos como a intelixencia emociona ou as habilidades sociais; os “recunchos para o diálogo” para a resolución de conflitos; as accións encamiñadas ao fomento dos hábitos saudables; ou as aulas da Natureza –no que se inclúe o Xardín dos Valores– e da Solidariedade son algunhas das actividades a desenvolver polo centro ferrolán.

estudo de gravación
Ademais da satisfacción e motivación que sempre supón a concesión dun premio, a dotación económica do mesmo facilitará ao CEIP ferrolán a posta en marcha de iniciativas que doutro xeito, e só cos fondos concedidos pola administración educativa galega, sería imposible.
Así, está previsto que o vindeiro mes poida inaugurarse o estudo de gravación que se habilitou no colexio para a realización dos múltiples traballos que xa nos últimos anos se veñen realizando no eido audiovisual.

“A nosa filosofía é a educación en valores”

Te puede interesar