Xogos populares, recreación de oficios tradicionais, exposicións e malla na II Feira Etnográfica do Eume

Xogos populares, recreación de oficios tradicionais, exposicións e malla na II Feira Etnográfica do Eume
imaxe da edición de 2012 j.m.

Tralo éxito da primeira edición, o vindeiro domingo día 18 o contorno do Museo Etnográfico da Capela converterase no escenario da II Feira Etnográfica da comarca do Eume “Etnoeume”.
A celebración comezará arredor das once de mañá coa apertura da feira tradicional que inclúe un mercado de artesanía no que se ofrecerá gran variedade de obxectos así como postos de produtos típicos da zona como o requeixo da Capela, froitas, licores, plantas, etc.
Tal e como se salientou desde a organización, este ano incrementaranse o número de participantes con respecto ao anterior, puidendo chegar ata os 60.
Ao mediodía entregarase o Premio de Investigación Ferro Caaveiro de 2013 e tamén terá lugar o xantar popular coa actuación musical de Ce Orquestra Pantasma. Posteriormente animarán a cita as Cantareiras de Airiños da Capela e o cego da zanfona. Tamén haberá, como o ano pasado, sesión de xogos populares, entre os que se inclúen unha ampla variedade de propostas lúdicas que ademais teñen un especial protagonismo no municipio da Capela grazas ao traballo desenvolvido polo museo e o colexio do lugar.
Arredor das 18.00 horas celebrarase unha espectacular malla e tamén haberá recreacións de oficios tradicionais. Durante a xornada será posible ademais participar en visitas guiadas polo Museo Etnográfico  para apreciar o seu interesante contido e funcionamento.

Xogos populares, recreación de oficios tradicionais, exposicións e malla na II Feira Etnográfica do Eume

Te puede interesar