A presentación do XI Premio Couso convértese nun recordo ao labor intenso de Luis Mera

A presentación do  XI Premio Couso convértese nun recordo ao labor intenso de Luis Mera
presentación del premio José Couso

A presentación da XI edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa tivo outro protagonista a maiores do propio cámara ferrolán asasinado polo exército norteamericano en Bagdag, o secretario do Club de Prensa de Ferrol, Luis Mera, falecido a pasada fin de semana.
Un dos creadores do premio foi recordado onte polo decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro: “Para a organización era un puntal do certame, unha persoa que nunca causaba problemas, senón que os resolvía”, sintetizou.
Tamén o novo presidente do Club de Prensa, Siro López, tivo un emotivo recordo para Mera, que mantivo “un papel moi destacado desde o comezo do certame e foi un dos artífices do seu éxito”. Foi precisamente Siro López quen tamén fixo unha mención á familia de José Couso e expresou admiración pola súa loita en busca de xustiza. López asegurou que sempre lle quedará gravada “a imaxe de José Couso dicíndolle aos seus compañeiros que mantiveran a cabeza alta”. Nese sentido, afirmou que “este premio é unha forma de que a morte de José Couso non sexa unha morte definitiva, é un premio pola dignidade de todos, da firmeza e a valentía”.
Pola entidade patrocinadora, La Caixa, María Jesús González, directora de Área de Negocio de CaixaBank en Ferrol, deixou claro que “para a Obra Social “La Caixa, a liberdade de prensa é un valor moi importante que hai que defender. Na actual situación económica, e nun sector especialmente afectado”, dixo, estas actividades que fomentan a liberdade de prensa son moi importantes para que os profesionais da comunicación realicen o seu traballo con garantías”.
Na súa intervención final, Xosé Manuel Pereiro non deixou de facer mención á difícil situación que están a pasar o xornalismo galego na actualidade en xeral.
“Sempre que nos referimos á profesión, os xornalistas falamos de crise, pero o feito de convocar o premio sempre é un motivo de orgullo e alegría porque é unha ocasión de reivindicar o piar da profesión que é contar as cousas como son e como pasan”, dixo.
“Fixémonos xornalistas voluntariamente –destacou–, e se estamos nisto é porque nos gusta e porque consideramos que é necesario. Ademais, a situación tamén invita á reinvención, aínda que os brotes verdes non acaben de aparecer”.

entrega no teatro jofre
A continuación, Pereiro anunciou a abertura do prazo de presentación de candidatos, facendo un chamamento á participación de todos os xornalistas.  Así, ata as 19.00 horas do próximo mes 30 de marzo poderanse presentar as propostas que se van anunciar como definitivas o día 1 de abril.
Entre ese día e o 27 de abril, o xurado, composto polos colexiados e colexiadas do Colexio de Xornalistas e polos socios do Club de Prensa de Ferrol, poderá votar as diferentes candidaturas. Finalmente, o 7 de maio darase a coñecer o fallo e o 19 de maio terá lugar a entrega (a escultura de Manuel Patinha “as ceibes”) no Teatro Jofre, no que haberá un concerto de música a cargo do quinteto de metais Hércules Brass ad Coruña.

A presentación do XI Premio Couso convértese nun recordo ao labor intenso de Luis Mera

Te puede interesar