O certame literario Carmela Loureiro premia as creacións de once centros educativos

Diario de Ferrol-2020-02-08-014-21305616
|

O xurado da sexta edición do certame literario “Carmela Loureiro” deu a coñecer onte o nome dos centros educativos premiados no concurso deste ano, convocado, coma os anos anteriores, polo Concello de Ferrol e a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística, e no que participaron once colexios e institutos da cidade e a súa bisbarra.

O certame dividiuse en tres modalidades, microrrelato, micropoesía e microteatro. Na primeira dela, os textos tiñan que principiar coa frase “Petou na porta, dixen adiante e entrou...” que forma parte do libro “Scórpio”, de Ricardo Carvalho Calero, protagonista do Día das Letras Galegas deste 2020. O xurado distinguiu traballos do alumnado do Juan de Lángara, Atios –de Valdoviño–, Saturnino Montojo e Concepción Arenal. Ademais, outorgaron dous accésits para senllos traballos presentados tamén polo Concepción Arenal e o IES Canido.

No que respecta á micropoesía, os textos gañadores foron presentados por alumnos e alumnas do Juan de Lángara, do Carvalho Calero, Atios e Concepción Arenal. Ademais, houbo outros dous accésits, neste caso para o Juan de Lángara e A Xunqueira, de Fene. Na categoría de microteatro o único premio foille outorgado a unha alumna do IES Carvalho Calero. 

A entrega, o 28 de marzo
O certame homenaxea á profesora de Ferrolterra que durante moitos anos presidiu a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística e dedicou o seu tempo á promocionar a lingua galega na comunidade educativa.

Nesta edición presentáronse un total de sesenta traballos de once centros educativos da comarca–ademais dos premiados, tamén o Ponzos, Ferrol Vello, Ludy e Belén–. A entrega dos premios terá lugar o vindeiro 28 de marzo no Centro Torrente Ballester.

O certame literario Carmela Loureiro premia as creacións de once centros educativos