Veciños de Esmelle botaron man dunha máquina centenaria na festa da malla

Veciños de Esmelle botaron man dunha máquina centenaria na festa da malla
Os veciños empregaron unha malladora de 1905 restaurada no marco do Proxecto Esmelle víctor schafer

A parroquia ferrolá de Esmelle botou onte unha ollada ao pasado para recrear, un ano máis, unha das duras tarefas agrícolas ás que cada verán tiñan que facer fronte os campesiños: a malla. O proceso, consistente na separación do gran da palla logo da sega do trigo, facíase a man ata que comenzaron a chegar as máquinas con motor.
Cunha destas, xa centenaria, contaron precisamente onte os preto de 30 veciños que participaron activamente na festa etnográfica organizada pola asociación de veciños “Valle de Esmelle”. O vehículo, de 1905 e con orixe en Pensilvania (Estados Unidos), foi cedida á entidade veciñal por José Benito Sanesteban (veciño de Cobas) e foi restaurada por parte de sete voluntarios –Guillermo Rascado, Luis Galdo, Pablo Deiros, Juan Luis González, Manuel Fernández, Francisco Pérez e Manuel Dopico– no marco do Proxecto Esmelle.
As tarefas de rehabilitación da máquina desenvolveronse ao longo dun ano, durante as fins de semana. Para a realización das mesmas contouse ademais coa colaboración de Maderas José Pérez, que cedeu as súas instalacións para a realización dos traballos. Onte, a máquina púxose de novo a funcionar para facilitar a malla dos veciños que coa súa implicación contribuíron á difusión desta antiga tarefa.

merenda
Tralo intenso traballo desenvolvido no campo da festa desta parroquia ferrolá, os veciños –que acudiron perfectamente ataviados da época– tiveron ocasión de repoñer forzas cunha merenda. Xa pola noite foi a quenda da música co concerto folk do grupo Alén de Ancos.
A Festa Etnográfica da Malla segue a liña marcada polo Proxecto Esmelle –que conta con varios recoñecementos e galardóns– de recuperación e posta en valor do patrimonio material e inmaterial da zona. A partir de setembro retomaranse as sesións de traballo a través das que os voluntarios da iniciativa seguirán cos traballos de mantemento dos muíños recuperados.

Veciños de Esmelle botaron man dunha máquina centenaria na festa da malla

Te puede interesar