Cunha excelente resposta de público, o próximo domingo clausúrase no Centro Torrente Ballester a mostra “Propios e alleos” que os artistas locais Luis Rapela e Eduardo Hermida inauguraron o pasado 17 de xullo.
Dous creadores locais considerados dous referentes estéticos da arte contemporánea en Ferrol que comparten ata o 4 de outubro o principal espazo expositivo da cidade, o Centro Torrente Ballester, aínda que en plantas diferentes: Hermida na inferior e Rapela na superior. Fóra da orixe común, a estética os separa. A obra figurativa e pop de Hermida altérnase no espazo co informalismo e a abstracción de Luis Rapela neste proxecto expositivo, “Propios e alleos”, nacido na anterior etapa cultural do Concello de Ferrol e no que un artista natural da cidade como Hermida invita a un creador alleo (aínda que neste caso tamén de Ferrol como Rapela, que xa non vive na cidade) a compartir o espazo expositivo
dúas miradas
A mostra que agora apura os seus últimos días tivo vocación didáctica e xa na inauguración se anunciara que colexios da cidade poderían ir visitala durante o verán, e xa co curso iniciado. Tanto os escolares como os visitantes puideron ver como Hermida inclúe unha boa mostra da súa estética pop, mentres Rapela xoga co informalismo abstracto así como co xeometrismo, a arte povera, que descontextualiza obxectos cotiás, e incluso colabora nunha mostra dentro da súa mostra (denominada “cocina negra”) coa súa muller, a artista eslovena Špela Trobec.
Desde o propio centro cultural destacaron sobre o proxecto “Propios e alleos” que: “supón así, o intento de mostrar á cidade de Ferrol, as prácticas artísticas que acolle no seu seo e as de quen habita a cidade e constrúea desde o seu punto de vista creativo. E, ao mesmo tempo, mostra as conexións destes artistas con outros que non traballan no espazo físico de Ferrol pero dos cales a súa obra é fundamental para os artistas locais pola súa proximidade e pola súa influencia. Todo isto, nun espazo conxunto pero dividido pola presenza de dúas formas distintas de entender a arte”.