O Centro de Linguas da Universidade da Coruña no campus de Ferrol vén de facer pública a convocatoria dunha nova edición dos cursos de verán, actividades que como cada ano desenvolveranse de forma intensiva.
Así, a diferenza das outras tres convocatorias que se fan ao longo do curso –outono, inverno e primavera–, neste caso as clases concentraranse en tres semanas –do 1 ao 18 de xullo– con sesións durante catro días á semana de dúas horas e media –as de conversa serán de dous días á semana–.
Haberá, como sempre, cursos nun total de cinco linguas: alemán, francés, inglés, italiano e portugués. Os niveis de aprendizaxe variarán en función de cada idioma e tamén haberá clases de conversa tanto en francés como en inglés.
matrícula
Desde hoxe mesmo, todas as persoas interesadas en apuntarse nos cursos poden formalizar a matrícula a través da páxina web do Centro de Linguas (www.udc.es/centrodelinguas). Nela pode consultarse tamén a relación de cursos ofertados así como os horarios dos mesmos.
No caso dos cursos regulares, de 30 horas de duración, o prezo será de 125 euros para os membros da Universidade da Coruña e 166 para o público en xeral. No que atinxe aos de conversa (de 15 horas), as tarifas serán de 84 e 125, respectivamente.
Desde o Centro de Linguas infórmase que estas actividades formativas están abertas a todas as persoas interesadas, formen ou non parte da comunidade universitaria.