O 2020 comezaba con moi boas expectativas para o Camiño Inglés, que o ano anterior acababa de bater de novo as cifras históricas de peregrinos e que se posicionaba como unha vía cada vez máis empregada. Xaneiro e febreiro melloraban os datos de 2019 e as iniciativas ao redor da ruta, públicas e privadas, multiplicábanse. O coronavirus fixo acto de presenza e arrasou con calquera plan, máis aínda os vencellados ao sector do turismo. O resultado foi o peche oficial dos percorridos desde mediados de marzo ata comezos de xullo; un verán anémico, no que non se chegou nin ao milleiro de camiñantes ningún mes (segundo as cifras que dá a Oficina do Peregrino, vencellada á catedral); e un final de ano á altura da situación, cun único rexistro no Camiño Inglés en decembro, pero que non ten o seu punto de partida na cidade naval.
2021 empeza coa esperanza de que o progreso na vacinación permita reducir o impacto da pandemia pouco a pouco, coa vista posta no verán. Será un Ano Santo moi distinto ao que se perfilou en Galicia a partir da refundación de 1993 e por iso desde o Vaticano amplían a 2022 a celebración (para que sexa Ano Santo ten que coincidir o 25 de xullo en domingo).
Primavera no Camiño
Ferrol ingresou oficialmente o pasado febreiro na Asociación de Concellos do Camiño Inglés e, logo de varios aprazamentos, encargarase de levar adiante o programa de “Primavera no Camiño” este ano, unha feira centrada na ruta e nos valores dos municipios que atravesa. Neste senso, esta entidade acaba de publicar un vídeo promocional protagonizado polo triatleta Javier Gómez Noya no que pon o foco nos valores culturais e patrimoniais do Camiño.
Con este horizonte máis propicio pero cun curto prazo no que as restricións á mobilidade se ampliarán, o reto será revertir a caída e devolver a ruta xacobea a cifras anteriores á pandemia, aproveitando precisamente o tirón do Ano Santo e as melloras en infraestruturas e atención que se foron levando adiante.
O traballo que hai por diante é grande, son 12.268 camiñantes menos entre o 2019 e o 2020. Se hai un ano rematábase con 15.099 personas que elixiron saír desde Ferrol (son os que pasan pola Oficina do Peregrino e selan as súas credenciais, as cifras poden ser maiores), este decembro remataba 2020 con menos de 3.000 (2.831). O mes con máis afluencia foi agosto, con 945 peregrinos. No mesmo período de 2019 tamén foi o máis concurrido, pero entón con 3.554. En 2019 superouse o milleiro de peregrinos desde abril ata outubro, incluídos. O ano pasado non se logrou en ningún momento, a pesar de que coa chegada do bo tempo e o desconfinamento incrementáronse as iniciativas para relanzar o Camiño Inglés, con andainas simbólicas. Os meses de abril, maio e decembro non tiveron camiñantes e en xuño e novembro houbo catro e oito, respectivamente.
O Camiño Inglés ten tamén o municipio da Coruña como punto de partida, polo que as cifras totais de camiñantes non coinciden exactamente coas de Ferrol, aínda que é a cidade naval a orixe maioritaria (cumpre os quilómetros necesarios para obter a “compostelá”). No total, esta ruta fixérona 2.915 persoas ao longo de 2020, fronte a 15.782 do ano anterior.