Ferrol, unha das tres cidades que estrea a premiada cinta galega “O ouro do tempo”

Ferrol, unha das tres cidades que estrea a premiada cinta galega “O ouro do tempo”
Diario de Ferrol-2014-08-01-011-8d4c226c

Ferrol foi unha das tres cidades galegas elixidas pola produtora Xamalú Filmes para a estrea da película “O ouro do tempo”, que recibiu hai unhas semanas en Bulgaria, o Premio Especial do Festival and Congress Centre Varna, Love is Folly. Ademais, foi a única obra española en competición oficial na pasada edición de Karlovy Vary (República Checa), un dos 11 festivais ‘clase A’ do circuíto internacional, así como no Festival de Cine Español de Málaga.
“O ouro do tempo” poderase ver desde hoxe en Vigo, A Coruña e os cines Dúplex de Esteiro en horario de 18.00, 20.30 e 22.45 horas. A longametraxe, protagonizada por Ernesto Chao, Nerea Barros, Manuel Cortés e Marta Larralde nos papeis principais, narra como un médico rural mantén na súa casa o cadáver crionizado da súa muller desde hai anos. A súa paixón por ela e a súa ambición médica levárono a esta situación. Agora, coas enerxías e a saúde reducida, o protagonista ten que recorrer ós coidados dunha enfermeira nova, que fai ás veces de criada.
En palabras de Xavier Bermúdez, responsable de películas como “León y Olvido”, “ademais de amosar a loita entre o amor e o tempo, e viceversa, a película reflicte como ás veces, cando as grandes paixóns descansan, as pequenas cousas do mundo e da vida espertan para nós”.
Para Xavier Bermúdez, o feito de facer unha película en galego “só engade un problema máis ao propio feito de facer unha película hoxe”.

Ferrol, unha das tres cidades que estrea a premiada cinta galega “O ouro do tempo”

Te puede interesar