Nun feudo hexemónico do PP durante décadas, o PSOE, da man de Benigno Galego, toma agora as rendas dun concello que ten na despoboación e falla de expectativas para os mozos o seu principal inimigo.
Os veciños optaron polo cambio en Cerdido... ¿que novidades aportará o PSOE á política municipal?
Nós levamos no noso programa uns proxectos principais a longo e curto prazo como é o polígono industrial e comezaremos a introducir as modificacións necesarias para levalos a cabo, o mantemento e limpeza de pistas tamén é algo moi reiterado polos veciños.
O contacto cos veciños xa era unha actitude que levaban na oposición...
Si, sempre nos fixemos eco das súas demandas tanto para levar asuntos ao pleno como para publicalos no noso boletín. De feito unha das nosas propostas recollidas no programa electoral é levar a cabo tres ou catro reunións veciñais ao ano, nun estilo aos orzamentos participativos pero avogando por un trato máis directo.
Cales serán os principais retos a afrontar polo seu equipo?
O principal problema de Cerdido é a falta de traballo. A xente nova opta por irse porque non hai en que ocuparse. No últimos anos baixou moito a poboación ata situarnos en 1.250 habitantes. Temos que abrir opcións de futuro que axuden a fixar poboación e para iso imos poñer en marcha un convenio cunha empresa local de exportación e cultivo de arándanos, Horticina, que pode chegar a crear uns 700 postos de traballo cando esté a pleno rendemento e imos impulsar o polígono industrial.
En que se van volcar de inmediato?
Quedaron obras pendentes das que descoñecemos o estado de execución. O amaño do campo de fútbol municipal Bernardino Breijo tamén era outra das demandas das que nos fixemos eco nos últimos meses, así como o necesario mantemento das pistas que nos teñen trasladado os veciños.