“Tanta memez”, terceiro disco entre o íntimo e o social de El Viejo Caracol

“Tanta memez”, terceiro disco entre  o íntimo e o social de El Viejo Caracol
Copia de Diario de Ferrol-9999-99-99-999-a17278f6

“Só falta meterlle uns coritos, rematar as mesturas e xa está”. Así falan Óscar Fojo e Fausto Escrigas do terceiro disco do septeto ferrolán El Viejo Caracol, un traballo de once temas que leva por ilustrativo título “Tanta memez”.
A principal curiosidade desta produción é que os seareiros do grupo poderán conseguilo de balde desde internet e non só a música, como sucede acotío, senón tamén a portada. Os músicos xustifican a súa elección: “Hoxe os discos non se venden, son só unha tarxeta de presentación do que fai un grupo. De feito, en directo só facemos dous ou tres temas dos discos anteriores, a maioría son deste, así que tes que seguir gravando aínda que non se venda o que fas”. Tras este paradoxo, comentan: “Despois do traballo que botas tes que pelexar para vender algún exemplar e non compensa. Só a través das actuacións en directo isto paga a pena. Así que partindo de aí decidimos regalarlle o disco aos nosos seguidores. Poñelo a descargar, nun par de semanas, na nosa web, en Facebook e onde faga falta, así como en plataformas como en Spotify e iTunes. Tamén decidimos que se descargue a portada do disco, en formato DINA4, para que a xente recorte, pegue e faga traballos manuais. Definitivamente gústanos fomentar a creatividade, aínda que quizais acabemos facendo algúns exemplares en formato físico máis adiante.”

novidades
En canto ao contido do disco, o título do mesmo xa ofrece unha idea de por onde vai a proposta, “Tanta memez”. “Si, o traballo ten once temas que van desde o introspectivo ata reivindicacións máis críticas e sociais neste momento en que as cousas están tan difíciles. Musicalmente aos nosos fans non lles vai sorprender, pero hai un pouco de todo: rock, reggae, folk ou country. Como somos tantos e conviven diferentes sensibilidades en El Viejo Caracol, hai que atendelas a todas”. “Tanta memez” foi gravado nos  estudios Abrigadeiro, e producidos por Arturo Vaquero e a propia banda. En canto ás presentacións, Fojo e Escrigas agardan facelo en Ferrol, pero aínda carecen de datas. “Imos comezar a movernos, aínda que a banda viviu un curioso fenómeno. Co anterior disco ‘Autopía’ comezamos as ter concertos con regularidade, incluso fóra de Galicia, cando o disco xa tiña un par de anos. Agora presentaremos o novo en Ferrol, pero aínda non temos data ou sitio”. O septeto continúa a estar formado por Óscar Fojo, Miguel Pita, Erico Pose, Mon Ibáñez, Agostiño Fraguío, Carlos Mor e Fausto Escrigas, a quen se lles uníu para este disco o percusionista Antonio Vázquez.

“Tanta memez”, terceiro disco entre o íntimo e o social de El Viejo Caracol

Te puede interesar