O Círculo Filatélico de Ferrol axuda a coñecer a historia no Torrente Ballester

Torrente Ballester. Inauguración exposición círculo filatélico y numismático
|

O Centro Cultural Torrente Ballester acolle desde onte e ata o próximo día 31 unha ampla exposición organizada polo Círculo Filatélico Ferrol, creado en 1950 e o decano dos galegos. A ampla mostra “Historia de Galicia a través da Filatelia e a Numismática” foi inauguarda onte pola entidade coa presenza das autoridades municipais.
Ao redor de 2.000 selos e 100 moedas de diferentes épocas integran esta exposición dedicada ao coñecemento da historia de Galicia a través da filatelia e da numismática. Entre os selos destaca a primeira serie emitida en España e a estampa máis rara creada no Segundo Centenario do selo, do que se fixeron 3.000 exemplares e poucos se conservan. As pezas numismáticas tamén inclúen cinco exemplares galegos e inéditos. Así mesmo, poden verse moedas que teñen relación coa cidade naval e coa comarca como un exemplar que se acuñou con motivo da botadura do acorazado España (1912) e outras coas efixies de Carlos III e Isabel II, así como unha co primeiro aniversario da morte de Franco. Tamén pode verse una colección sobre a ceca de Xuvia.

aprender e divertirse
Esta exposición de iniciación á filatelia temática ilustrada e á historia da moeda amosa, segundo os organizadores, “dun xeito atractivo e lúdico acontecementos da historia de España e de Galicia a través das figuras de personaxes ilustres, monumentos, pinturas, flora, fauna e a propia historia postal”.
Desde o Círculo Filatélico subliñan que o seu obxectivo con esta mostra é “pretender divulgar a historia e que os nenos coñezan a filatelia e a numismática. Así mesmo, tamén permite coñecer acontecementos da política, militares e relixiosos ou da xeografía e as súas diferentes culturas, a través da epigrafía e paleografía”. O alumnado dos centros escolares da cidade poderá realizar visitas guiadas a esta mostra de filatelia e numismática non só como un hobby, “senón como un xeito de aprendizaxe e de coñecemento do pasado”, aseguran.
A mostra permanecerá aberta ata fin de mes en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas de martes a sábado. Os domingos poderá visitarse entre as 11.00 e as 14.00 horas. n

O Círculo Filatélico de Ferrol axuda a coñecer a historia no Torrente Ballester