Chanfaina Lab | Olladas audiovisuais para pór en valor o territorio rural

Chanfaina Lab | Olladas audiovisuais para pór en valor o territorio rural
Os creadores da cuarta edición acudieron onte á estrea das súas pezas na Casa da Cultura de San Sadurniño | césar galdo

Algúns son creadores profesionais, outros só aficionados, e mesmo os hai que, sinxelamente desde a condición de veciños, contribúen, coa súa participación no Chanfaina Lab, a debuxar unha auténtica amalgama de pezas audiovisuais que, dalgún modo, constitúen un retrato do municipio.
A iniciativa impulsada polo Concello de San Sadurniño a través da área de Cultura deu onte o pistoleazo de saída á quinta edición (a de 2018) coa estrea das curtas grabadas o pasado mes de setembro, durante un encontro que foi secundado por uns vinte participantes.
Durante unha fin de semana, todos eles se adentraron no municipio para captar a través dos seus obxectivos a esencia do territorio e aquelas imaxes, momentos ou experiencias que, inevitablemente, deron como resultado unha ampla e variada visión do mesmo.
Entre os participantes da última edición incluíronse persoas de renome do Novo Cinema Galegao como Óliver Laxe, Ángel Rueda, Olaia Sendón, Anxos Fazáns, Carmen Rey, Cristina de la Torre ou Alberto Lobelle. Tampouco faltaron representantes locais como Pablo Martínez, Fran Bermúdez, Bieito Beceiro, o trío de Sungirls, Sebas Rodríguez e a xente de Conciencia TV e as mulleres de Teño unha Horta en San Sadurniño, aos que se uniron valores como as irmá Lara e Noa Castro.
O cadro creativo do Chanfaina Lab completárono o fotógrafo Gabriel Tizón, a parlamentaria Ana Pontón –asumindo por primeira vex un proxecto como directora– e o realizador luso Carlos Viana.

Irmandade
A presenza deste último permitiu iniciar o pasado ano unha irmandade co veciño país de Portugal que a organización do Chanfaina Lab quere seguir mantendo nas novas edicións.
Así o salientou a concelleira de Cultura, Sabela Cinza, que xunto ao Manolo González e Carmen Suárez, integran o equipo de coordinación dunha proposta cada vez máis consolidada e tamén xa moi instaurada no audiovisual galego. “Cada vez é máis coñecida, e gusta. Ano tras ano, todas as persoas que participan, tanto a veciñanza como os directores, quedan encantados”, engade.
Entre os obxectivos do Chanfaina Lab, Cinza salienta por unha banda “dar un espazo ao cinema galego, ao creado aquí, ás persoas que teñen máis ou menos traxectoria pero que queren facer cousas aquí, sobre todo orientadas ao cinema rural”, apunta, e doutro lado “dar a coñecer o noso rural como territorio vivo. Queremos demostrar que no rural se poden facer moitas cousas, que hai espazos marabillosos e que hai tamén historias marabillosas que vale a pena levar á gran pantalla”, salientou.

Así o confirmaron as vinte pezas proxectadas onte pola tarde na Casa da Cultura do municipio nunha xornada á que asistiron a meirande parte dos creadores, aos que o Concello entregou como agasallo pola súa implicación unha Lola de cascarilla.
Trala estrea onte das obras, estas irán subíndose a partir de agora –unha por semana– á canle de youtube do evento, ao tempo que os realizadores tamén poderán mover as mesmas en festivais e certames, o que permitirá levar o nome de San Sadurniño polo territorio estatal e mesmo do estranxeiro.
A concelleira de Cultura quixo destacar a gran colaboración dos veciños do municipio, sen os cales sería imposible desenvolver o Chanfaina Lab.
Aínda que da edición deste ano aínda están por pechar moitas actividades, o que si é seguro que, como é habitual, a primeira fin de semana de setembro San Sadurniño volverá convertirse nun auténtico plató “natural” para os creadores que desexen dar vida a unha nova edición desta singular experiencia audiovisual.

Chanfaina Lab | Olladas audiovisuais para pór en valor o territorio rural

Te puede interesar