Os actos de San Xiao serán sen público e veranse na web municipal

Os actos de San Xiao serán sen público e veranse na web municipal
A fotografía despreocupada e multitudinaria de xaneiro de 2020 non se poderá repetir nesta ocasión | j.m.

Ferrol celebrará a festividade de San Xiao mantendo no posible as tradicións habituais pero sen público e sen ágape posterior. A pandemia impón a súas normas e estará presente non só desta forma, senón tamén a través dos gañadores do galardón Ferrolán do Ano, que a corporación decidiu outorgar aos profesionais da área sanitaria.

O acto será mañá xoves no teatro Jofre, a partir das 12.15 horas. Poderase seguir en directo a través dun enlace que estará dispoñible na web municipal e tamén no Youtube do Concello de Ferrol. 

Estarán presentes representantes da corporación local e tamén da de Lugo, xa que esta festividade serve para renovar os lazos de irmandade coa cidade. Tamén está prevista a presenza do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e do xerente da área sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva. O galardón recollerano simbólicamente, en nome de tódolos traballadores, sexan do ámbito sanitario ou non, Andrés Rey, Genma García e Sabela Sánchez. Nesta ocasión non se impoñerán insignias de ouro.

“É tempo de recoñecemento público aos diferentes colectivos que loitaron contra a Covid-19, de mostrar o noso sentimento de pesar polas persoas que xa non están connosco por culpa desta enfermidade e de enviarlle un abrazo agarimoso ás súas familias”, apuntan desde o Concello na invitación. 

Por iso, por unanimidade, decidiuse recoñecer a “profesionalidade, vocación de servizo e entrega incondicional” na loita contra a pandemia de todo o persoal da área, teña funcións directamente asistenciais ou non.

No acto do Jofre proxectaranse dous vídeos de homenaxe, un deles musical. Está prevista a intervención do alcalde de Ferrol, Ángel Mato; da alcaldesa de Lugo, Lara Graña; das tres persoas que recollen o galardón en nome de toda a Área; e do conselleiro de Sanidade, Julio García.

O BNG afea a presenza no acto do conselleiro. Considera que é “inasumíbel” e acusa a Ángel Mato de “colaborar en branquear a xestión da sanidade e da crise sanitaria da Covid por parte da Xunta de Galicia”.

Explica o seu portavoz, Iván Rivas, que darlle a palabra no acto supón poñelo no mesmo plano que os profesionais, cun protagonismo para o goberno galego “que non se ten gañado”. Lembra a precariedade laboral no Sergas,  as deficientes condicións nas que prestaron a atención durante a pandemia, a reducción da atención presencial e o esgotamento dos profesionais, entre outros problemas da sanidade galega.     

"A resposta á situación de pandemia non pode estar baseada en incrementar as restricións de acceso á asistencia ao sistema público, porque supón un claro risco para a saúde da poboación", di.

Os actos de San Xiao serán sen público e veranse na web municipal

Te puede interesar