Julio Aneiros (fillo): “Meu pai debe ser un referente para as vindeiras xeracións”

Julio Aneiros (fillo): “Meu pai debe ser un referente para as vindeiras xeracións”
Diario de Ferrol-2016-03-11-002-61930e0d_1

O sindicalista Julio Aneiros, falecido en xaneiro de 2006 ós 89 anos, ten unha rúa en Valdoviño desde xuño dese mesmo ano e en Ferrol desde febreiro de 2011. Transcorre paralela ás Pías, na parte sen edificar do polígono do Bertón, e alí hai desde onte un monolito que lembra a este histórico líder sindical, detido en varias ocasións, ferido no tórax en marzo do 72 e procesado despois como instigador da protesta. Os seus fillos, Julio e Germán, asistiron onte ao agarimoso homenaxe que desta maneira lle brindou o Concello de Ferrol, coa presenza de destacados líderes de Comisións Obreiras, como o seu secretario xeral, o ferrolán Ignacio Fernández Toxo.
“As balas do franquismo estiveron a punto de acabar coa súa vida, como lles pasou a Amador e Daniel”, lembraba onte, emocionado, o seu fillo Julio. “Por iso hoxe é un día sinalado na súa traxectoria”. “El dicía que non merecía recoñecementos porque o único que facía era cumprir co seu deber de loitar polos seus ideais e polos seus principios”, engadiu. Dixo que era “un gran pai, un gran marido e un home íntegro, por iso hoxe neste memorial creo que o que verdadeiramente interesa é que sexa un referente para as xeracións vindeiras, para que a loita que a el tanto lle deu en vida siga porque aínda non está todo feito”.

memoria
O alcalde, Jorge Suárez, lembrou ós sindicalistas históricos que desde Ferrol prenderon a loita contra o franquismo. “Hai moitas figuras que están no esquecemento e das que temos que aprender para que as vindeiras xeracións coñezan o seu exemplo e como a cambio de nada loitaron e conseguiron aglutinar a todo o movemento obreiro”. Reclamou esa unidade  para xuntar “a tódalas forzas da esquerda nun único movemento sociopolítico”.
Aneiros, Riobo, Paco Filgueiras, Sari Alabau, Fina Varela, Fina Piñón, Manuela Valcárcel, Amor Deus, Pillado son algúns dos nomes que lembraba Jorge Suárez para reivindicar a memoria de homes e mulleres “que con familia e con risco de perder o máis básico afrontaron unha loita colectiva que puxo a Ferrol no eixo do anhelo da democracia contra a ditadura.

Julio Aneiros (fillo): “Meu pai debe ser un referente para as vindeiras xeracións”

Te puede interesar