Os Domingos a Escena volven ás mans de Max Teatro e comezan esta semana

Os Domingos a Escena volven ás mans de Max Teatro e comezan esta semana
Teatro Centro Cívico de Caranza compañía Gallarda Teatro

Dúas xemelgas descobren que para quedar coa casa do seu pai este deixou escrito no seu testamento que teñen que casar antes dos 40. Falta un mes e deben facer todo o posible para logralo ou senón quedará coa vivenda a terceira en discordia, Renata. Este é o argumento de “As feas tamén casan”, a obra coa que o grupo de teatro A Pombiña, de Pedroso (Narón), inaugura o día 1 de xuño o novo ciclo Domingos a Escena, no Centro Cívico de Caranza. Faino con varios meses de retraso (os plans municipais eran que comezase en xaneiro) e tras dous procesos de contratación frustrados. Finalmente Max Teatro, involucrado na organización desde os seus inicios e coordinador do ciclo desde o 2004, encargarase de novo de facelo.  
Esta décimo quinta tempada desenvolverase durante os cinco domingos do mes de xuño e despois retomarase de setembro a decembro. Nesta primeira parte centrarase en ofrecer o traballo de compañías de Ferrol e da comarca para despois abrir o abano a propostas chegadas desde outros puntos de Galicia. “Foi o que fixemos sempre, primeiro vai ir Ferrol, despois Ferrolterra, A Coruña e o resto de Galicia. Ese é o espírito de Domingos a Escena desde o ano 2000”, comenta Yuyi Bastida, de Max Teatro. “Chamabamos a tódolos grupos de Galicia e incluso de fóra. Houbo tempadas con xente de Oporto, Valencia ou Madrid”.
As obras teatrais serán os domingos, ás sete da tarde, con entrada gratuíta. Despois da estrea, coa Pombiña. Pasarán polo Centro Cívico de Caranza Teatro Agarimo, de Sillobre, con “Alma en pena”; Oquetiqueiras, de Narón, con “Raíñas”; Crucia Teatro, de Santa Icía (Ferrol), con “Unha de vaqueiros”; e Ad Libitum, de Ferrol, coa representación de “Vaia tropa!”.
Para algúns deles supón a volta a Caranza despois dun período no que optaron por non participar por discrepancias coa dirección. Foi a raíz de que a Concellería de Cultura, organizadora do ciclo, decidise que Ti e Máis Eu Teatro coordinase a actividade, no verán de 2012. Nove grupos de Ferrolterra protestaron e anunciaron que non volverían. De feito, desde entón a presenza de compañías de Ferrol e comarca foi menor. Para este 2014 Cultura convocou un concurso público que quedou deserto en dúas ocasións por cuestións administrativas relacionadas cos prazos e coa documentación que presentaban Max e Ti e Máis Eu, as dúas entidades que se interesaron por sacar adiante este proxecto. Entrementres houbo incluso un forte cruce de acusacións entre a asociación veciñal e esta última compañía respecto de como transcurrira o ciclo nos últimos meses.

Os Domingos a Escena volven ás mans de Max Teatro e comezan esta semana

Te puede interesar