Cun novo record de participación, o que confirmou o rexurdimento da cita na cidade, celebrouse onte en Ferrol unha festa de Entroido á que se encargaron de dar vida e cor as quince comparsas –o máximo permitido– e os grupo inscritos nesta edición.
Todos eles volveron facer gala da creatividade, orixinalidade e humor cos que as agrupacións, procedentes de diferentes puntos da comarca, encaran unha festa para a que traballan durante semanas tanto na confección dos disfraces como nas composicións das letras das cancións coas que animan os seus desfiles.
Na cita ferrolá participaron As Xoaniñas de Chao, Vide Vindo, Troupele Troupele, Os Argalleiros, Semente Trasancos, Os Colludos e Os Parrandolos, de Narón; Os Trastos de Valdoviño; A Canteira de Neda; o colexio Belén, Entroideiros do colexio de Pazos, Oje Ferrol, A Revolta e O Rei do Entroido, de Ferrol; Autos Pichón; Paso e Paso e Os Scratchados de Fene; e Os Tiquismiquis, de Neda. Tralo desfile iniciado arredor das seis da tarde desde a praza de España, os participantes desprazaráronse ata Amboage, onde tivo lugar o festival para seguir a festa aproveitando ademais que a xornada é hoxe é festiva na cidade. l