“A División Azul era un tema da nosa historia e alguén tiña que contar o que sucedeu”

“A División Azul era un tema da nosa historia e alguén tiña que contar o que sucedeu”
o escritor ourensán, durante unha charla en ferrol luis polo

Nacida a partir dunha lata de marmelo agochada no fondo dun armario como se fose un tesouro, “A noite branca” (Edicións Xerais), de Francisco X. Fernández Naval, é unha das novelas galegas máis sorprendentes dos últimos tempos. Unha narración fiel aos acontecementos históricos que relata o sucedido cun grupo de combatentes galegos da División Azul na fronte rusa durante a II Guerra Mundial e que, paralelamente, saca á luz unha esquecida memoria familiar. Un texto insólito que xa vai pola segunda edición e que se presenta hoxe ás 20.00 horas na Galería Sargadelos. Fernández Naval estará acompañado polo historiador Bernardo Máiz, o periodista Nicolás Vidal e o director de Edicións Xerais Manuel Bragado. No acto sortearanse varias botellas de viño da colección Costeira.

 

O tema e o punto de partida de “A noite branca” son curiosos: A División Azul e unha lata de marmelo.

Si, no armario dun familiar apareceu unha lata con fotografías e cartas da fronte do leste e dun divisionario que participou na batalla de Leningrado. No fondo hai unha historia familiar, que me era allea e descoñecida, cunha figura, María Luisa, que aparece na capa do libro. A novela mestura varias voces, nárrase desde un punto de vista histórico e creo que por vez primeira na literatura galega. Noutras tampouco foi moi tratado.

 

Tiña algunha prevención á hora de achegarse ao tema da loita do exército franquista na fronte rusa?

Si, dábame moito respecto escribir sobre a guerra. Tratei de fuxir de imaxes repetidas en ducias de películas bélicas, case todas norteamericanas. Por iso busquei xente que me contara o que pasou, que ollara desde o punto de vista do pelotón galego, e buscar unha perspectiva máis distante na que o narrador conta o que ven os que están na fronte. Lin moita historia e literatura, tratando de que non me afectase unha ideoloxía tan distinta á miña. Empapeime incluso do xeito de combater dos soviéticos, corpo a corpo, e todo o que puiden sobre o cerco de Leningrado, as batallas, as posicións, as trincheiras, etc.

 

Era consciente da extrañeza que provoca a División Azul?

Desde logo non era un tema que eu tivese próximo, emocional e ideoloxicamente. Pero foron unhas circunstancias nas que participaron 3.000 galegos durante tres anos e alguén ten que contar o que sucedeu. É historia e merece a pena.

 

A obra ten dúas liñas literarias, unha crónica familiar e outra bélica. Como as traballou?

Hai unha historia de reconstrución da familia a través de cartas e fotografías, unha memoria silenciada que quería sacar á luz. Logo, na participación galega na II Guerra Mundial axudoume moito o meu amigo o historiador Núñez Seixas; facilitoume moita documentación, e outra atopeina eu. Teño que dicir que hai acontecementos e relacións que están ficcionadas, pero a base histórica dos sucesos é completamente real.

 

Esa implicación levouno incluso a facer unha viaxe en caravana por toda Europa ata a fronte de batalla.

Si, ata Novgorod. Repetimos a viaxe que os primeiros voluntarios, e o meu parente Alfredo Rodríguez, realizaron entre os meses de xullo e outubro de 1941. Foi un proxecto complexo, vivido con moita intensidade.

 

A novela conéctase coa súa obra máis coñecida ata hoxe, “O bosque das antas”.

Si, recuperei a personaxes e un universo literario anos despois co que pecho un ciclo.

 

A novela está a ter unha excelente recepción crítica e xa vai pola segunda edición.

As primeiras críticas son moi boas, e as agradezo, pero emocióname como está a funcionar entre os lectores. Na miña familia había un certo desacougo, afortunadamente xa superado.

 

“A División Azul era un tema da nosa historia e alguén tiña que contar o que sucedeu”

Te puede interesar