A XIX Feira da Plantación de San Sadurniño celebrarase o 27 de abril

A XIX Feira da Plantación de San Sadurniño celebrarase o 27 de abril
Feira da Plantacion de San Sadurniño

O Concello de San Sadurniño abre o prazo para que os produtores interesados poidan inscribirse na XIX Feira da Plantación, que se celebrará na localidade o domingo 27 de abril. Están convocados os que queiran ofrecer ós visitantes os froitos da terra, incluíndo horta, florería e viveiros, artesanía relacionada co mundo vexetal (flores, talla de madeira, tecido de liño e semellantes), excedentes familiares e tamén produtos ecolóxicos. Non está aberta, a diferenza doutras actividades que se organizan no Concello, como o mercado local de comercio xusto.
As persoas interesadas poden inscribirse ata o martes 22 de abril, ás dúas da tarde. Hai que cubrir a solicitude (que se pode conseguir directamente a través da páxina web do Concello, www.sansadurnino.es) e presentala no Rexistro, enviala por correo electrónico a agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es ou por correo postal ó Concello (avenida Marqués de Figueroa, 5, 15560).

programa
A Feira da Plantación, que se achega ás dúas décadas, celebrarase o domingo 27 de abril ó pé do colexio público de San Sadurniño, baixo unha carpa de 2.000 metros cadrados onde se instalarán os expositores inscritos. Entre eles habitualmente inclúense produtores, comercializadores, cooperativas e outras organizacións vencelladas co mundo rural, aínda que a listaxe completa coñecerase o 24 de abril, despois de pechar a inscrición. Tamén haberá un posto institucional que servirá para promocionar a riqueza ambiental e turística do municipio.
Comezará a primeira hora da mañá e estará aberta tamén pola tarde. Ademais da exposición e venda, tamén haberá un xantar e tamén está previsto un sorteo con produtos doados polos expositores, ás doce do mediodía e ás cinco da tarde. Como xa é habitual, os asistentes levarán un recordo de balde.
O Concello de San Sadurniño organiza por segundo ano esta cita, que impulsara durante anos a asociación Bidueiro. Espera contar con cifras semellantes ou superiores á edición do ano pasado, cando se xuntaron unha trintena de expositores e pasaron pola feira 4.000 persoas.

A XIX Feira da Plantación de San Sadurniño celebrarase o 27 de abril

Te puede interesar