Ferrol celebra a Rosalía de Castro no 150 aniversario de “Cantares Gallegos”

Ferrol celebra a Rosalía de Castro no 150 aniversario de “Cantares Gallegos”
Copia de Diario de Ferrol-2013-10-09-017-98f88410

Tralo éxito o pasado ano de “O meu primeiro Celso Emilio”, Ferrol volve acoller a estrea dun gran espectáculo literario e musical cos mesmos protagonistas. Trátase de “A miña primeira Rosalía” o venres no Teatro Jofre, primeiro para escolares e ás 21.00 horas para o público en xeral. A iniciativa foi presentada onte pola concelleira de Política Lingüística, Martina Aneiros Barros, e o responsable do proxecto, Xosé Lastra. Este destacou que “o espectáculo é irmán do libro que en breve estará nas librerías. Trátase dun percorrido pola figura de Rosalía no 150 aniversario de ‘Cantares Gallegos’, e se inclúen tamén poemas de ‘Follas Novas’, así como un cedé con once textos da poeta musicados e cantados, máis outro de Curros adicado a ela”.
O espectáculo “A miña primeira Rosalía” consiste na interpretación de varios poemas da obra “Cantares Gallegos” a cargo dun elenco de recoñecidos músicos como a ferrolá María Manuela, Mini, Mero e Xiana Lastra, no que participan músicos como Nani García, Xurxo Varela, Manuel Dopico e outros. Así mesmo, entre peza e peza proxectaranse varios vídeos sobre o proxecto.As entradas para esta iniciativa adicada a Rosalía, de carácter gratuíto, poderanse recoller no teatro municipal en horario de mañá e tarde. Despois de Ferrol o espectáculo xirará por cidades e vilas de toda Galicia.
Por outra banda, e como adiantou a concelleira de Normalización Lingüística, esta actividade será complementada coa distribución ás bibliotecas dos centros educativos de Ferrol do libro “A miña primeira Rosalía de Castro”, unha obra que nace coa intención central de achegar e redescubrir a figura da poetisa galega e da súa obra en xeral.
O volume, que contén un disco, ofrece unha biografía, unha antoloxía e varios poemas musicados e cantados na mesma liña que o anterior adicado e Celso Emilio Ferreiro.

Ferrol celebra a Rosalía de Castro no 150 aniversario de “Cantares Gallegos”

Te puede interesar