“Non entendemos a unidade da clase traballadora para o diálogo social”

“Non entendemos  a unidade da clase traballadora para  o diálogo social”
Manifestacion 1 de Mayo - CIG

A CIG convocou a máis de 3.000 persoas nun Primeiro de Maio que tivo unha clara carga simbólica ao levar a manifestación até a Praza Vella, xermolo de Ferrol e “viva imaxe da súa morte se non somos quen de remedialo, viva imaxe das políticas especulativas e viva imaxe do odio á nosa cultura”, asegurou o seu secretario comarcal, Manel Grandal, sinalando a pouco menos que inexistente casa natal de Ricardo Carvalho Calero.
Grandal encetou o seu discurso falando dunha unidade sindical no Primeiro de Maio que na cidade naval non se repite desde o ano 2003 e referiuse concretamente á foto de Méndez e Toxo con Rajoy, Báñez e Rosell, que cualificou de “noxenta”. “Non entendemos a unidade da clase traballadora para o diálogo social”, dixo, “senón como fundamento da loita de clases, de confrontación ao sistema, co obxectivo irrenunciábel de mudalo”.
O portavoz do sindicato dixo que, a diferenza de outros, “non lle debemos nada a ninguén porque non estamos inmersos neste sistema corrupto”, e engadiu que será o nacionalismo o que “faga abanear ese castelo cheo de trileiros que tanto defenden”.
Grandal fixo referencia ao éxito da ILP da central, con máis de 31.000 apoios, con propostas para revitalizar os sectores produtivos propios e rachar co rol que o Estado español e a Unión Europea teñen reservado a Galicia “como subministradora de materia prima e man de obra barata de usar e tirar”.
Grandal tirou de estatísticas para cargar contra as políticas “desta Europa que non é a nosa”, mais en cuxo proceso electoral hai que participar “para transformar o medo e a ira en rebelión”. Neste punto, pediu a presenza en Bruxelas de “voces de galegas e galegos que sen ataduras nin condicionantes alleos defendan os nosos sectores produtivos e o noso dereito á soberanía”.

“Non entendemos a unidade da clase traballadora para o diálogo social”

Te puede interesar