Pontedeume cítase co folclore internacional no XXIX Festival organizado pola AFC Orballo

Pontedeume cítase co folclore internacional no XXIX Festival organizado pola AFC Orballo
Un momento da recepción celebrada onte no Concello ás formacións participantes JORGE MEIS

Pontedeume convértese un ano máis no escaparate do folclore tradicional de diferentes países e culturas da man dunha nova edición, a vixésimo novena, do Festival Internacional organizado pola Asociación Folclórica e Cultural Orballo.
O programa abriu onte o telón cunha recepción institucional no Concello aos grupos participantes: Rusga de San Vicente de Braga (Portugal), Fundación Themba Njilo (Sudáfrica), Coros y Danzas de Santomera (Murcia) e os anfitrións.
Logo deste acto, que contou coa presenza de representantes do goberno eumés e tamén da Deputación da Coruña, a actividade trasladouse á praza de San Roque, escenario das actuacións dunha primeira xornada de carácter internacional.

POLONIA
Nela, os integrantes de Orballo amosaron parte do espectáculo co que dentro dunhas semanas representarán a España no Festival internacional de Zakopane, en Polonia.
A programación da cita eumesa continuará hoxe, a partir das 21.00 horas de novo na praza de San Roque, coas actuacións neste caso das dúas agrupacións de carácter estata, a de Orballo e a murciana.
Esta última acadou precisamente o pasado ano o “Hacha de bronce” na cita polaca, polo que a súa estadía estes días na vila eumesa está a ser aproveitada polos integrantes de Orballo para achegarse un pouco máis ao festival no que actuarán do 19 ao 26 de agosto, ao que acudirán co espectáculo “Romaría na Serra Loba”. A agrupación eumesa foi este ano a seleccionada pola Federación de Asociaciones de Coros y Danzas de España (Facyde) para o encontro polaco, no que terán oportunidade de dar a coñecer a música, o baile e o vestiario tradicional galego, en cuxa promoción e recuperación levan tantos anos traballando deste a entidade cultural con sede no municipio de Pontedeume.

Pontedeume cítase co folclore internacional no XXIX Festival organizado pola AFC Orballo

Te puede interesar