Alternativas de lecer para todos os gustos e idades na Semana Cultural de Esmelle

Alternativas de lecer para todos os gustos e idades na Semana Cultural de Esmelle
A xornada de onte incluíu a celebración de obradoiros de manualidades ou pintura jorge meis

A dinámica e participativa parroquia de Esmelle atópase desde o pasado venres inmersa nunha nova edición, a vixésimo sexta, da Semana Cultural, unha iniciativa que vén confirmar o gran activismo duns veciños implicados tamén desde hai anos na recuperación e posta en valor dos recursos patrimoniais da zona.
Co obxectivo de chegar ao maior número de xente posible, a asociación de veciños trata de artellar cada ano un amplo e variado programa de actividades para todos os gustos e idades.
Onte, por exemplo, na que foi a cuarta xornada do programa, o local social acolleu a celebración de obradoiros de manualidades ou pintura, entre outros. A degustación de postres e licores e a posta en marcha dun bingo rock completaron o menú do onte.

hoxe
Moi animado se presenta tamén o día de hoxe, no que ás seis da tarde dará comezo unha festa infantil con hinchables e espuma, para ás oito abrir paso ao espectáculo de maxia con Benxamín.
Ás 22.30 horas será o turno para a “Ruta Nocturna das Meigas”, recuperando así unha proposta de sendeirismo teatralizado na que a Asociación de Mujeres Rurales “Río D’Aneiro” da parroquia levará o peso.
O percorrido, ao longo do cal irán aparecendo as meigas, concluirá no Muíño do Ferreiro, onde terá lugar unha queimada. Os interesados en gozar desta proposta, totalmente gratuíta e sen inscrición previa, terán que estar esta noite ás 22.30 no local social de Esmelle, desde onde partirá a singular andaina.
O programa continuará mañá cunha charla de Alcohólicos Anónimos, un campionato de ping-pong –as dúas actividades ás 19.30 horas– e unha parodia a cargo da asociación de mulleres (21.00). O maratón de chave e o taller de teatro de sombras para nenos do xoves, dará paso, o venres, a unha gran sardiñada, amenizada por “Ambrosía”.

mallarock
O sábado, a música será a auténtica protagonista con motivo da celebración do Festival Mallarock, que dará comezo ás 21.00 horas.
Os grupos The Hellbuckers, Five Strings Band, Mad Martin Trio e Caravan configuran o cartel dunha cita coa que se pretende contribuír á dinamización da parroquia e da súa economía. Habilitarase unha zona de acampada e a entrada é libre.
Trala entrega de premios do concurso de rueiros convocado pola organización –o domingo 7– e a cita coa chuvia de estrelas na praia de Esmelle –prevista para o venres 12 de agosto–, chegará a quenda para outro dos pratos fortes do mes de agosto en Esmelle: a festa etnográfica da malla que terá lugar o domingo 14 e que incluirá, ás 21.00 horas, o concerto de Alén de Ancos. A recreación da tradicional tarefa de recollida do trigo comezará ás 17.00 horas.
Nos últimos días, algúns dos veciños implicados nesta proposta desenvolveron os traballos previos á malla, consistentes na sega do cereal e a agrupación do mesmo no lugar onde terá lugar o proceso para separar o gran da palla. Para isto, este ano contarase cunha máquina tradicional de máis de cen anos que estivo a ser restaurada e que xa funciona correctamente.
O programa cultural de agosto rematará o sábado 20 cunha romaría castrexa.

btt
Entre as actividades xa desenvolvidas desde o pasado venres, día no que se deu o pistoletazo de saída á Semana Cultural, incluíuse unha ruta BTT familiar nocturna que contou coa partipación dunhas 70 persoas (40 rapaces e uns 30 adultos).

Alternativas de lecer para todos os gustos e idades na Semana Cultural de Esmelle

Te puede interesar