Ópera, danza, musicais, monólogos e dramas na programación do primeiro trimestre

Ópera, danza, musicais, monólogos e dramas na programación do primeiro trimestre
Diario de Ferrol-2015-01-06-012-bb1bd053

Desde que o pasado 7 de xuño de 2014 Luís Iglesia e o naronés Xabier Deive levaran ao Jofre “Sede de mal”, o teatro en galego para adultos, non o infantil, desaparecera da programación da Concellería de Cultura de Ferrol para os seus grandes contedores. Esta anomalía elimínase da programación para o primeiro trimestre  no Jofre e no Auditorio.
Non é a única sorpresa xa que tamén haberá musicais infantís, ópera monólogos con populares persoeiros da televisión, danza e música pop con artistas como Loquillo, Luz Casal e incluso unha homenaxe a Camarón de la Isla.  Así o calendario de eventos culturais para o mes de xaneiro no Jofre inclúe o teatro familiar de “Romeo y Julieta, unha obra en construción” o próximo día 17. O 24 Talía representa o comidrama en galego “Demolición”, unha peza de Cándido Pazó. Para rematar o mes, o día 31 haberá un concerto dun dos grupos máis importantes do folk galego “Treixadura”.
En canto á programación para o vindeiro mes de febreiro no teatro municipal, destaca o regreso o día 6 do ciclo de monólogos co humorista Leo Harlem, que estará acompañado polo polifacético Sergio Ollala; o musical infantil “Tarzán” o 7. O 19 os espectadores poderán ver a ópera de Giuseppe Verdi “Un baile de máscaras”. O teatro infantil regresa o día 22 con “Caperucita Roja”; e a comedia para adultos “Bobas e galegas” fai regresar o 28 o humor de Mofa & Befa cunha obra sobre o século de ouro dirixida por Quico Cadaval. Así, a nova oferta cultural no Jofre  se completa no mes de marzo cos socorridos monólogos conxuntos de Sara Escudero, David Amor e Álex Clavijo o día 8.
O 14 chegará o concerto  a cappella de Bvocal que xa foi visto en varios continentes. O día 15 teatro infantil con Tanxarina e “A casa do Avó”. A danza verase co espectáculo “Leyendas cosacas”, da compañía rusa que participou na Gala Internacional do 60 aniversario da Raíña de Gran Bretaña. Será o día 28.

Auditorio
Por outra banda, a programación cultural que acollerá o Auditorio de Ferrol estará centrada no ámbito musical.
Así, trala presentación o pasado día 2 do espectáculo infantil “Los Lunnis, el cohete musical”, a programación regresa o 14 de febreiro cando se suba ao escenario do Auditorio o veterano rockeiro Loquillo, dentro do ciclo musical “Sons de Ferrol”. O 21 de febreiro a máis grande lenda xitana será convocada co musical de homenaxe a Camarón de la Isla “Eterno Camarón”, producido pola súa viúva.
E por último, a cantante de Boimorto Luz Casal pechará a programación do primeiro trimestre do 2015 no Auditorio coa presentación do seu traballo discográfico “Almas gemelas”. Será o 27 de marzo.

Ópera, danza, musicais, monólogos e dramas na programación do primeiro trimestre

Te puede interesar