Os Reis Magos pisan Canido mentres preparan a gran festa de mañá

Os Reis Magos pisan Canido mentres preparan a gran festa de mañá
imaxe da cabalgata polo barrio ferrolán celebrada na tarde de onte luis polo

Os Reis Magos chegarán a tódolos puntos de Ferrol e comarca na tarde-noite de mañá. Pero xa con antelación fan algunha visita por sorpresa, como a que levaron onte os nenos de Canido, ó ver pasar polas rúas do barrio a Melchor, Gaspar e Baltasar. A gran cabalgata, porén, será mañá sábado, con saída da rúa Venezuela ás seis do serán, logo de desembarcar en Curuxeiras. Sete carrozas formarán esta agardada comitiva, que, en vista das excelentes previsións meteorolóxicas, contará con centos de espectadores.

A cabalgata será case o peche das propostas de Nadal (aínda que en Ferrol alárgase a festa pola festividade, o luns 7, de San Xiao). A maioría dos programas de actividades tocan hoxe ó seu fin. É o caso dos campamentos urbanos da cidade, nos que participaron desde o pasado 24 de decembro un total de 80 nenos, segundo informa o Concello. Distribuíronse, segundo a idade, na ludoteca do Cantón e na Casa da Xuventude. Estes últimos, de entre sete e doce anos, fixeron onte á mañá un percorrido polos lugares máis emblemáticos de Ferrol, cunha parada especial na casa consistorial. Nas escaleiras da entrada compartiron experiencias co alcalde, José Manuel Rey, e co edil de Xuventude, Borja Carro.

Polas rúas do centro volverá haber música hoxe, de seis da tarde a nove da noite, e a praza de Amboage, ás dez, recibe á orquestra Costa Oeste. Ademais, neste mesmo espazo, pero pola tarde (ás sete) sortearase a segunda de dúas cestas de Nadal.

En Narón, desde onte e ata o domingo, celébrase na praza de Galicia un mercado moi particular, xa que está ambientado no ano 1900, con produtos propios desa época. Abre de once da mañá a tres da tarde e de cinco a once da noite.

O salón de actos da Cultura de Fene acolle hoxe ás 12.15 horas a últimas das películas do ciclo de cinema familiar, “Toy Story 3”. En Pontedeume tamén remata a Videoteca de Nadal, ás 11.30 horas, na biblioteca, con “Os Muppets”. Ademais, na vila eumesa, no local La Divina Comedia, ás 18.00 horas pasan “Avatar”. E ás 19.00, na praza da Calzada, o grupo Damecuerdaqueteatro representará unha función preparada coa axuda dos comerciantes, cos que escribiron un conto que se pode ler facendo un percorrido polos escaparates.

En Cariño, de 11.00 a 12.30, na biblioteca, as trasniñas Vanessa e María contan contos; e en Valdoviño, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura, Ghazafelhos representa “Contos de lobos”, unha proposta para nenos a partir dos tres anos.

Os Reis Magos pisan Canido mentres preparan a gran festa de mañá

Te puede interesar