A Festa do Pan de Neda logra a declaración de Interese Turístico por parte da Xunta de Galicia

A Festa do Pan de Neda logra a declaración de Interese Turístico por parte da Xunta de Galicia
o público respalda cada ano a cita gastronómica jorge meis

A Xunta concedeulle onte a Declaración de Interese Turístico á Festa do Pan de Neda. Un recoñecemento que, segundo lembrou o alcalde, un satisfeito Ignacio Cabezón, “vén nun momento moi especial, xa que en algo máis dun mes se celebrará a súa XXV edición. Un cuarto de século de vida”.
Xa na presentación da Festa do Pan de Neda de 2012, o goberno municipal plantexouse como obxectivo lograr este prestixioso recoñecemento e, con ese fin, a Concellería de Promoción Turística que dirixe Montse Rico iniciaba os trámites oportunos, que remataban hai uns meses coa presentación do expediente ante a Xunta. O feliz resultado do mesmo fai que a menos de dous meses de celebrar unha nova edición, o Goberno autonómico respalda o traballo feito en Neda co seu produto gastronómico estrela.

razóns de peso
Entre as razóns que xustifican a concesión desta prestixiosa denominación estivo “o seu importante arraigamento, o feito de difundir unha actividade artesanal como a de facer pan e tamén que se promova un produto galego rexistrado como marca”. Outros factores determinantes que se tiveron en conta foron a súa extraordinaria afluencia de xente, a calidade dos actos que configuran a súa programación e a creatividade e o axeitado coidado das contornas paisaxísticas, urbanas e monumentais.
Esta declaración comporta a súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade galega.
A Festa do Pan de Neda celébrase tradicionalmente o primeiro domingo do mes de setembro, que este ano coincide co primeiro día do mes. E, como vén sendo habitual nos últimos anos, o escenario elixido é a contorna do Paseo Marítimo de Xuvia. Nos últimos tempos, o Concello fixo notables esforzos por promocionar esta cita gastronómica. Así, este ano, a Concellería de Turismo creou unha nova marca corporativa coincidindo co seu 25 aniversario e que acompaña toda a documentación oficial. Tamén de xeito pioneiro, o cartel promocional saíu dun concurso aberto á participación cidadá. Así mesmo, ampliouse dunha xornada a todo o ano a posibilidade de realizar a Ruta dos Muíños, que posibilita ao público a oportunidade de coñecer o proceso de elaboración do producto estrela de Neda.

A Festa do Pan de Neda logra a declaración de Interese Turístico por parte da Xunta de Galicia

Te puede interesar