Cen anos de Toxos e Froles a través das imaxes históricas

Cen anos de Toxos e Froles a través das imaxes históricas
Diario de Ferrol-2015-01-31-020-3c43deb4

O Real Coro Toxos e Froles expón no vestíbulo do seu edificio da rúa Magdalena unha colección de varios centos de imaxes pertencentes ó seu arquivo e nas que se dá conta da traxectoria da entidade ó longo da súa historia. A mostra forma parte das actividades coas que, durante o 2015 e sobre todo na primavera, celebrarán o centenario do coro decano de Galicia. En xaneiro de 1915 creáronse os estatutos, aprobados polo goberno o día 30 dese mes. “Recollendo as inquedanzas e o espíritu daquel primeiro coro pontevedrés, Aires da Terra, fundado polo gaiteiro Perfecto Feijoo, será o encargado dende aquela de manter as nosas tradicións, as nosas músicas e a nosa cultura galega”, explican desde o Toxos nun comunicado co que festexan esta data. “Non debemos esquecer o inmenso apoio prestado naqueles inicios pola directiva e membros da rondalla Airiños da Miña Terra, orquesta de punteo de grande prestixio e valedores do Toxos para o seu nacemento”, apuntan.
Desde o Toxos recordan o papel de embaixada da cultura galega e de Ferrol nos seus desprazamentos e tamén a importancia do coro para establecer vínculos de irmandade coa localidade de Vila do Conde, en Portugal.
Aproveitan o centenario para agradecer “ás xentes de Ferrol o agarimo e apoio prestado nestes tempos” e animan ós cidadáns a incorporarse á entidade a través das seccións de canto, baile e música. “O Toxos é un ben de Ferrol que non debemos deixar morrer”.

festival
O Toxos e Froles festexará os seus primeiros cen anos de vida cunha actuación no mesmo día e no mesmo lugar no que se estrearon en público: o 29 de maio, no teatro Jofre. Con cen anos de diferencia volverán interpretar pezas do folclore galego nun recital que estará arroupado, nas semanas precedentes, por distintas actividades culturais, nun programa cuxos detalles se están pechando na actualidade.

Cen anos de Toxos e Froles a través das imaxes históricas

Te puede interesar