Luar Na Lubre ofrecerá un concerto no Teatro Jofre o vindeiro venres 9 de novembreo. Trátase dunha das bandas de referencia da música folk do territorio, que publicou en maio pasado un disco dedicado á Ribeira Sacra, que presentará no espazo escénico.
A banda liderada por Bieito Romero gravou en outubro de 2017 este novo traballo discográfico no Mosteiro de San Pedro de Rocas, na localidade de Esgos, en Ourense. Esta nova proposta ten como obxectivo poñer en valor a través da música a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio.
O novo traballo discográfico inclúe 26 temas que proveñen de composicións propias, música tradicional e melodías “que van lembrar e remarcar todo o patrimonio que temos na Ribeira Sacra”, como destacou o propio Bieito Romero, quen salientou ademaís que esta é a primeira vez que se fai un disco destas características “para potenciar e difundir a Ribeira Sacra a través da música”, un territorio, explicou, “que é desde sempre patrimonio da humanidade, aínda que oficialmente aínda non, e a nosa idea é poder falar da grandeza da Ribeira Sacra, potenciándoa a través da música”.
O devandito disco conta con ducias de colaboradores que aportan o seu grao de area ás 26 cancións que integran o album; desde Víctor Manuel ata SES, pasando pola Coral de Ruada, Nani García, a asturiana Marisa Valle Roso, Juan Antepazo de Astarot, Irma Macías Suárez ou Brais Maceiras, entre outros moitos.
Bieito Romero remarcou na presentación oficial deste traballo que esta gravación “tocoume no corazón, porque as miñas orixes están na Ribeira Sacra, e ademais, para todos supuxo un proxecto moi especial porque comezamos a traballar nel na data en que os lumes fixeron estragos en Galicia, e o feito de estar nun territorio de tal alto valor natural, como é a Ribeira Sacra, nos fixo arrancar con moita tristura”.
Tres décadas
O traballo discográfico recolle tamén nas letras feitos e personaxes históricos, como Romasanta, e de lenda, como os Felos de Maceda e Esgos, de fonda tradición etnográfica no Entroido, ademais de textos en barrallete, a linguaxe dos afiadores.
A formación edita este novo traballo logo do doble CE recompilatorio no que celebraba os seus 30 anos de traxectoria, un tempo no que recibiron numerosos recoñecementos, entre eles dous discos de ouro ao superar as 50.000 copias vendidas. l