Xosé Cobas anuncia na Capela a edición do último libro de Xabier P. Docampo

Xosé Cobas anuncia na Capela a edición do último libro de Xabier P. Docampo
Na Casa do Pazo prantouse unha cerdeira en memoria do escritor | n.v.

A Capela lembrou onte a un dos seus veciños máis ilustres, o escritor Xabier P. Docampo, falecido en xuño de 2018. Docampo, nado en Rábade, estaba vencellado ao municipio por vía política e neste concello tiña unha vivenda. A súa dona, a súa filla e unha irmá que se desprazou expresamente desde Murcia participaron onte na homenaxe promovida polo Museo Etnográfico da Capela e polo colexio da localidade. Foi no CEIP onde se congregaron uns 200 amigos e representantes da cultura galega para lembrar a súa impoñente figura, tanto no eido literario como no do ensino ou no da militancia cultural.

A homenaxe incluíu a montaxe dunha exposición sobre a súa traxectoria vital. Ademais, actuaron a coral Aires da Capela e os nenos do colexio, que prepararon unha montaxe teatral tomando como punto de partida un dos contos de Docampo.

O ilustrador das súas obras, Xosé Cobas, participou nunha mesa redonda na que adiantou que en primavera se publicará a obra que estaba rematando Xabier P. Docampo cando morreu. Leva por título “O pintor cego” e verá a luz con Kalandraka.

Ao remate do acto na escola prantouse unha cerdeira na Casa do Pazo, tocaron as campás da igrexa e houbo un minuto de silencio. A cerdeira é unha árbore á que lle tiña querencia especial o escritor. “E serei unha cerdeira” era o título do discurso que pronunciou na gala dos premios Xerais de 2013.

Xosé Cobas anuncia na Capela a edición do último libro de Xabier P. Docampo

Te puede interesar