Máis de 200.000 euros en axudas á rehabilitación en Mugardos e O Seixo

Máis de 200.000 euros en axudas á rehabilitación en Mugardos e O Seixo
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-b0700124

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, asinou onte en Santiago o acordo para a financiación da primeira anualidade do novo Plan Estatal de Vivenda 2018-2021. A planificación aprobada contempla que as Áreas de Rexeneración e Renovación Urbana (ARRU) de Mugardos e O Seixo percibirán unha inversión total de 211.082 euros neste exercicio, para o desenvolmento dun total de 19 proxectos de rehabilitación na vila.
O Ministerio de Fomento aportará 83.032,72 euros; a Xunta de Galicia, 30.257,22 euros, e os promotores particulares os restantes 97.791,96, mentres que o Concello asumirá o custo da Oficina de Rehabililitación, que se ocupará de xestionar as axudas e asesorar á cidadanía sobre o desenvolvemento do devandito programa.
Pilar Díaz asinou o acordo coa secretaria xeral de Vivenda do Ministerio de Fomento, Helena Beunza Ibáñez, e coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. A rexedora local manifestou a súa satisfacción polo apoio conquerido para seguir avanzando na rexeneración dos cascos históricos de Mugardos e “pola mellora da calidade de vida que este feito conleva para a cidadanía”.
A financiación consignada para o exercicio 2018 forma parte dun programa máis ambicioso, para o período 2018-2021. De acordo coa solicitude cursada polo goberno local mugardés, en dito prazo o municipio aspira a materializar máis de 776.000 euros en axudas para proxectos de rehabilitación na ARRU de Mugardos e O Seixo. O conxunto de actuacións proposto abrangue un total de 80. Destas 76 serán vivendas, dúas de nova edificación –en substitución doutras previamente demolidas– e outras dúas para intervencións de urbanización do espazo público, un capítulo que por primeira vez entra no plan. A execución traducirase nun investimento de 1.593.397 euros, dos cales 1.410.000 euros serán para as obras e o resto, 183.397 para a oficina técnica de xestión do programa durante todo o período.
En porcentaxes, Fomento asume o 39,34% do orzamento; a Xunta, o 14,33%, e os promotores privados o 46,33% restante do programa, ao que tamén hai que engadir o investimento municipal na oficina de xestión.
Xornadas en Caldoval 
Noutro orde de asuntos, o Concello mugardés lembra que hoxe se celebran no Centro de Interpretación do Caldoval as “II xornadas Mugardos Romana”, que organiza a Concellería de Patrimonio Histórico e que, desta volta deterase especialmente no coñecemento doutros restos como son os de Noville e o de Meá. As xornadas desenvolveranse desde as 10.00 ata as 13.45 horas e a alcaldesa será a encargada de inaugurar o acto.
ARI de Neda 
Volvendo á rehabilitación, outro Concello que se beneficia destas achegas é o de Neda. Cabe lembrar que o casco histórico da vila cambiou sustancialmente a raíz das máis de 60 intervencións rehabilitadoras en vivendas ubicadas entre las rúas Real, Santa María, Castro e Santo Nicolás. Unha política á que o executivo local quixo darle continuidade o pasado outono coa firma dun novo acordo co Ministerio de Fomento e a Xunta  para garantir a rehabilitación de oito vivendas máis. Para esta nova fase hai unha previsión de gasto duns 140.397 euros máis.

Máis de 200.000 euros en axudas á rehabilitación en Mugardos e O Seixo

Te puede interesar