Un espectáculo para dar comezo á xornada escolar que non deixou indiferente a ningún dos rapaces.
O Día da Biblioteca celébrase cada 24 de outubro en todo o Estado. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil. Unha xornada que no quixeron deixar pasar por alto en San Sadurniño, na súa pretensión de dar a coñecer o labor das bibliotecas, os seus servizos, os seus recursos e agradecer e recoñecer o traballo dos profesionais que se ocupan do servizo. Ademais, a data tamén lembra a destrución da biblioteca de Saraxevo, incendiada en 1992 durante a Guerra dos Balcáns.
Así co Concello local concentrou nas xornadas do martes, onte e hoxe a programación conmemorativa e de animación cultural pensando principalmente nos nenos. Para iso concertáronse tres espectáculos adaptados a distintas franxas de idade co obxectivo de chegar desde o público máis miudiño até a mocidade.
No tocante á proposta de onte Diego Maceiras ao acordeón e Gloria Mosquera -Mamá Cabra- coa guitarra e voz cantante ofreceron unha proposta moi participativa e chea de sorpresas que presenciaron os cursos de 6º de Educación Infantil e de 3º de Educación Primaria. A posta en escena “Contos para un mundo mellor” aborda a través da música e a interacción constante cos nenos aspectos como o medo, o coidado da natureza, o acoso escolar, o saber dicir non, a empatía, a superación persoal a cooperación ou a responsabilidade, “como mecanismos necesarios da paz e a felicidade”, tal e como indica a ficha do espectáculo.
Cabe destacar que tanto a actuación do Pallaso Piruleta do martes como os “Contos para un mundo mellor” de onte forman parte do catálogo do proxecto “Ler conta moito”, da Consellería de Cultura.
A actividade proseguirá hoxe (Casa da Cultura ás 12.45 horas) coa proposta do monologuista Candido Pazó “Memorias das memorias dun neno labrego”, a súa adaptación escénica do famoso libro de Xosé Neira Vilas coincidindo co 50 aniversario da súa publicación.