Moeche cumpre 40 anos rememorando a revolta irmandiña contra o poder feudal

Moeche cumpre 40 anos rememorando a revolta irmandiña contra o poder feudal
A contorna do castelo de Moeche acolle todas as actividades desta edición | jorge meis

O que nos libros de Historia quedou gravado como unha das revoltas contra o poder feudal máis importantes da Galicia medieval transmutou cinco séculos despois, en concreto en 1980, nunha das celebracións con maior enraizamento e éxito de público da comarca de Ferrolterra.


A asociación cultural Irmandiños de Moeche leva xa catro décadas organizando un festival no que a reivindicación histórica e patrimonial e o lecer conflúen novamente para, durante os tres días desta fin de semana, ofrecer á veciñanza do municipio e tamén a todas e todos os visitantes que cada ano acoden á cita un programa lúdico variado que ten a cerna nas distintas manifestacións artísticas e musicais da cultura galega. De feito, o Irmandiño é, canda o de Pardiñas, o festival máis veterano de cantos apostan pola música folk e de raíz.


Desde a entidade organizadora, a súa tesoureira, Isa Lois, explica que desde a primeira edición, os obxectivos deste evento non mudaron no substancial: “Seguir loitando e reivindicando os nosos dereitos como pobo”, apunta, “que ten unha historia de seu que ha de ser coñecida por todas e todos”.


Coa colaboración do Concello de Moeche, da Deputación da Coruña e mais de Gadis, entre outras empresas, o Festival Irmandiño ten a particularidade de ter nacido no seo do asociacionismo e, tal e como lembra algún daqueles primeiros impulsores do evento a comezos dos anos 80, “as iniciativas que xorden desde a base son as que máis probabilidades teñen de sobrevivir e medrar”.
Alén do cartel da edición, a asociación cultural Irmandiños de Moeche destaca as novidades referidas ás actividades infantís. “Antes do seu asalto, o sábado ás cinco do serán, faremos un pregón para que as crianzas vaian collendo consciencia de por que se asalta o castelo”, sinala. Ademais, para esta actividade poranse á venda escudos para que a recreación sexa aínda máis vistosa.

1 Para o arranque, a Requinta da Laxeira
No campo do festival do lugar de Nelle, parroquia de San Xurxo, terá lugar ás 22.00 horas de mañá venres a primeira das actuacións previstas no programa deste ano. Será a conta da Requinta da Laxeira ao pé do torreiro. Deseguido haberá tamén repichoca popular.

2 O sábado, actividades e música até a madrugada
O sábado, ás 11.00 horas, abrirase o castelo, cuxo acceso será de balde, e no seu interior poderá visitarse unha exposición montada para a ocasión sobre a historia do festival.

A partir das 13.30 horas comezará a sesión vermú no campo do festival amenizada por un pinchadiscos. Xa pola tarde, ás cinco, terá lugar o asalto infantil ao castelo. A organización recomenda que a rapazada que queira participar se presente non máis tarde das 16.30 horas para pechar os preparativos.


Unha hora máis tarde desenvolverase unha competición de xogos tradicionais e logo chegará a música de Carecos –20.30 horas–, Saraibas –21.30 horas– e Sés, ás once. A tesoureira da asociación cultural Irmandiños, Isa Lois, subliña o “esforzo” do grupo Saraibas, un dos que actuaron xa naquela primeira edición de 1980 e que “leva un ano ensaiando para a ocasión”.


A xornada prosegue con outros dous pratos fortes: ás 00.30 horas o pregón do poeta local Alfonso Venancio e, seguidamente, o asalto ao castelo, unha das imaxes de referencia do festival.
A noite irmandiña prolongarase até a madrugada coas actuacións de Huntza e o Tecor Societario.

3 Máis música e xantar popular na despedida
O domingo, último día do programa, a actividade trasládase á contorna do castelo medieval. Será alí onde, desde ás 13.30 horas, se desenvolva a sesión vermú, amenizada polos Feroces da Galgueira.


Ao seu remate, contra as 15.00 horas, comezará o xantar campestre, cun menú a base de cachelos, liscos, crioulos, xamón cocido e pan a un prezo único de catro euros. Xa de despedida, haberá unha nova actuación dos Carecos –ás 16.30 horas– e, para finalizar, un concerto do grupo De Ninghures.

Moeche cumpre 40 anos rememorando a revolta irmandiña contra o poder feudal

Te puede interesar