O Entroido da comarca viviu onte a xornada máis intensa no municipio de Narón, escenario do tradicional festival de comparsas que este ano reuniu a un total de dez agrupacións.
A Cantareira, de Neda, foi a gañadora dunha edición na que tamén houbo premio para Os Parrandolos, de Narón, que quedou clasificada en segundo lugar. Así como para Os Argalleiros, tamén de Narón, e A Revolta, de Ferrol, que empataron no terceiro lugar.
Xunto a estas, tomaron parte na cita Os Argalleiros (A Gándara), Tróupele Tróupele (A Gándara), Semente Revoluçom (San Mateo), Os Mangurriás (Xuvia), Os Parrandolos (Piñeiros), Os Colludos (O Alto), A Revolta (Ferrol), A Canteira (Neda), Vide vindo (Ferrol) e Os Trastos (Valdoviño).
Todos eles animaron as rúas do concello nun desfile que partiu do pavillón da Mocidade, no barrio da Gándara, para rematar na pista polideportiva da Solaina, escenario de celebración do festival, que foi presentado pola compañía Teatro Ghazafelhos e que incluíu a actuación da banda Los Mecánicos. Disfraces de exipcios, castrexos, revolucionarios, artistas de pop art, guerreiros da natureza ou vespas velutinas, entre outros, encheron de cor e diversión a cita naronesa.
O programa contempla para hoxe un pasarrúas pola zona urbana e para o martes a marcha ciclista de disfraces Corredoiro.