O tango volve estar de moda, se é que algunha vez non o estivo. Ferrol e Ortigueira acollen o sábado dous espectáculos de primeiro nivel case á mesma hora e que recollen o espírito deste universal son porteño. En Ferrol a proposta “Tango Nuestro” preséntase o sábado ás 20.30 horas na sede de Afundación, unha iniciativa que recompila unha ampla variedade de obras dos máis representativos mestres do xénero musical por excelencia do Río da Prata.
O Quinteto Nuestro Tiempo, especialista en pezas de Astor Piazzolla, abre o abano para despregar composicións de distintas épocas e estilos achegando a esencia do sentir cidadán que abarca non só a música, senón tamén a forma, o testemuño documental e por suposto a danza, interpretada pola arte e a sensualidade de Carina Lucca e Leonardo Mosqueda. Os músicos e bailaríns son arxentinos, fóra da rusa Beira Pavlova, quen executa piano, e o contrabaixo no que estará o uruguaio Diego Zecharies. Pola súa banda, o bandoneonista Matías González reside en Buenos Aires e é integrante habitual de importantes formacións de tango como o Sexteto Mayor, a orquesta de Leopoldo Federico e Gotan Project. Será esta a segunda vez que o Quinteto Nuestro Tiempo actúe en Ferrol, posto que o fixeron no ano 2011 no Teatro Jofre.
Marcelo González, violinista, e Guillermo Bazzola, á guitarra eléctrica, residen en Europa e pertencen a prestixiosas formacións de jazz e orquestras sinfónicas de ámbito internacional. “Tango Nuestro” é o reflexo da alma musical urbana, desde os seus inicios ata a obra máis vangardista do xenial Piazzolla.
As entradas, a un prezo único de 10 euros, véndense na sede Afundación (praza da Constitución) desde onte en horario de 18.00 a 20.00 horas e o sábado de 11.00 a 13.00 e a partir das 18.00 horas