A morte de Luís Porteiro Garea (XXI)

A morte de Luís Porteiro Garea (XXI)

Hai un par de días, o venres concretamente, que se cumpriron 98 anos da morte dun dos pilares fundamentais para a posta en marcha das Irmandades da Fala e, sobre todo, para a definición das liñas mestras do programa político que estas deberían seguir e que se debateron e aprobaron nas xornadas da I Asemblea Nacionalista que se celebrou en Lugo o 17 e o 18 de novembro de 1918, unhas semanas despois da morte de Porteiro. É por iso que considerei conveniente dedicarlle, integramente, esta entrega de hoxe.
A prensa galega do luns 28 e do martes 29 acolleu a triste nova nas primeiras planas, dedicando, ademais, liñas de gabanza do ilustre defunto. Un dos diarios compostelanos, o “Diario de Galicia”, insertaba tamén una gran esquela
Morreu moi novo -faltábanlle poucos días para cumprir 29 anos- vítima da pandemia de gripe que asolou o mundo -calcúlase un mínimo de 50 millóns de persoas falecidas- entre a primavera de 1918 e a de 1919. Foi un episodio gripal moi curioso, xa que, fronte ao que adoita ser habitual, o virus afectou máis ao grupo de mozos comprendidos entre 20 e 35 anos, a idade na que se atopaba Porteiro. En Galicia, onde morreron ao redor de 200.000 persoas a fase máis virulenta foi a producida pola mutación do outono de 1918, precisamente a que lle tocou padecer a Porteiro.
Esta era semblanza que lle facía o” Diario de Galicia / Periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general”, na sección “Necrología”.
“Tuvo ayer triste desenlace la afección que aquejaba al joven e ilustrado profesor auxiliar de la Facultad de Derecho y Concejal del Excmo. Ayuntamiento D. Luis Porteiro Garea.
El Sr. Porteiro baja al sepulcro cuando para él se abrían los horizontes de un brillante porvenir, y empezaba a recoger el fruto de su aplicación e inteligencia en su bufete de abogado.
Poco tiempo después de abandonar las aulas y de obtener el premio extraordinario en el Doctorado de la Facultad, obtuvo por oposición la plaza de Profesor auxiliar que desempeñaba.
Más tarde, la Cámara agrícola lo llevó como su representante al seno de la corporación municipal.
Sinceramente apenados por el fallecimiento del Sr. Porteiro, buen padre, buen esposo y buen amigo, elevamos al Todopoderoso fervientes plegarias en sufragio de su alma, testimoniando a los que le lloran, especialmente sus padres, hijos y viuda, nuestro sentimiento”.
E non ía descamiñado porque esa era a tónica xeral dos diarios galegos de diferentes localidades: A Coruña, Lugo, Ferrol, Pontevedra...
Tres días despois tocáballe sesión á Corporación Municipal de Santiago, da que era concelleiro. O alcalde pronunciou unhas “breves y sentidas palabras en elogio del finado”,aludindo á “obra del intelectual de palabra vibrante y entusiasta por Galicia, que ha sufrido una gran pérdida”. Falou tamén un concelleiro, colega da Universidade e o alcalde levantou a sesión en sinal de dó.
Ao pouco de morrer Porteiro, Luís Peña Novo recibiu unha carta súa onde lle explicaba asuntos da inminente Asemblea de Lugo. Faláballe de que andaba a voltas cun cuestionario no que ía tratar puntos como o “Final da guerra europea. Cuestión internacional e representación de Galicia n-a hora da paz” ou “Cuestiós d’urxencia pra Galicia qu’eisixiremos ó Goberno: Cuestiós agrarias, Organización xurídica, Idem técnica, Cuestiós culturaes, Idem industriaes etc.”. Mais tamén se refería ao tema electoral e isto é o que pensaba ao respecto: “Visto que se falsea a vountade popular e que a eliminación sistemática dos censos, trampas, etc., e sobor todo, o deixar pra conta da iniciativa privada o que debe ser da responsabilidade do Goberno (cal é o probrema da legalidade eleitoral). Visto o fracaso dos Gobernos n-este ordem, se chegan outras eleiciós en estes termos debemos d’acudir a elas ou declararnos fora da legalidade constituzonal buscando n-outros procedimentos o que por via legal non se pode conquerir”.
O incipiente nacionalismo perdía unha peza fundamentalísima en diferentes ámbitos, do que parecen evidencias claras detalles como estes.
Despois de doutorarse en Madrid, con premio exrtraordinario, decidiu volver a Galicia e, o 15 de marzo de 1915, tomou posesión como auxiliar de Dereito Civil da Universidade de Santiago e estreouse como docente o 16 de setembro, impartindo a clase nada menos que en galego, feito insólito que non se repetiría ata os tempos da FUE. O tema que expuxo, moi actual nese momento, foi “A transformación do direito civil pola gran guerra”. É por iso que, case 20 anos despois, o propio día de votación do plebiscito de autonomía no breve artigo “Un fito no camiño” publicado por El Pueblo Gallego o inmenso editor nacionalista e alcalde de Santiago, Ánxel Casal, preguntase: “E que si Porteiro Garea non se presentase de frac pra da-la súa primeira conferencia en galego chegaríamos ao plebiscito?”.
Cando, en xuño de 1918, A Nosa Terra inserta o cadro “Os creadores d’o valor galeguista” aparece en primeiro termo “Lois Porteiro –sementador de’inquietudes– di que as «Irmandades da Fala» teñen de sere a Enciclopedia da revolución galega”.
Isto e moito máis supuxo Porteiro. É por iso que Cabanillas lle dedicou, “A Luís Porteiro”, o coñecido poema “En pé”:
¡Irmáns! En pé, sereos, / a limpa frente erguida, / envoltos na brancura / da luz que cai de riba, / o corazón aberto / a toda verba amiga, / e nunha man a fouce / e noutra man a oliva, / arredor da bandeira azul e branca, / arredor da bandeira de Galicia, / cantémo-lo dereito / a libre nova vida! // Validos de treidores / a noite da Frouseira / á patria escravizaron / uns reises de Castela. / Comestas polo tempo, / xa afloxan as / cadeas… / ¡irmáns asoballados / de xentes estranxeiras, / ergámo-la bandeira azul e branca! / ¡E ó pé da enseña da nazón galega / cantémo-lo dereito / a libertar a Terra! // ¡Irmáns no amor á Suevia / de lexendaria historia, / ¡en pé! ¡en pé dispostos / a non morrer sin loita! / ¡O día do Medulio / con sangue quente e roxa / mercámo-lo dereito / a libre, honrada chouza! / ¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca! / ¡A oliva nunha man, a fouce noutra, / berremos alto e forte: / ‘¡A nosa terra é nosa!’

A morte de Luís Porteiro Garea (XXI)

Te puede interesar