Juana Prieto reivindica “Artxove” como un espazo de expresión dos novos creadores plásticos

Juana Prieto reivindica “Artxove” como un espazo de expresión dos novos creadores plásticos

Cunha presentación a cargo da crítica de arte Juana Prieto Luna, onte inaugurouse no convento de Santo Agostiño, hoxe Casa da Cultura de Pontedeume, a XX edición da mostra “Artxove”, unha iniciativa centrada en amosar a mellor arte plástica feita en Galicia hoxe por creadores menores de 35 anos.

Na súa presentación, acompañada polas autoridades municipais, a crítica de arte lembrou que hai 15 anos xa estivera prologando o catálogo que acompaña a mostra eumesa e destacou a evolución ao longo destes anos dalgúns dos creadores alí incluídos. Agradeceu ao Concello de Pontedeume polo esforzo feito nestas dúas décadas e incidiu no espazo expositivo como un lugar onde os novos artistas poden amosar o seu traballo. De feito, Juana Prieto instou aos creadores mozos a que loiten nestes tempos tan difíciles  e busquen “o seu espazo, o seu tempo e a súa propia historia”.

Nesta XX edición de Artxove  poden verse un total de 63 obras, 31 pinturas, 25 fotografías e sete esculturas. A maiores, a mostra recupera varias obras de xoiería feitas por sete deseñadores procedentes da Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela.

Novo catálogo

No acto de onte na Casa da Cultura tamén se presentou o catálogo da XX edición da mostra con todas as obras expostas, deseñado por Alba Manzanedo. Este evento organizado polo Concello eumés estará aberto ata o 12 de abril en horario de 18.00 a 21.00 horas, tanto en xornadas de diario como festivos.

O comisariado da exposición corre a cargo de José Alfeirán, mentres que os encargados da mostra son Loli Fraga e Alexandre Caínzos.

Juana Prieto reivindica “Artxove” como un espazo de expresión dos novos creadores plásticos

Te puede interesar