Quince centros potencian as capacidades do seu alumnado a través dos contratos-programa

Quince centros potencian as capacidades do seu alumnado a través dos contratos-programa
imaxe de arquivo do curso de técnicas de estudo desenvolvido polo carballo calero o pasado ano d.a.

Obradoiros e charlas para dar resposta ao alumnado con maior capacidade e motivación para aprender; clases de reforzo escolar para aqueles que o precisan; programas para reducir o absentismo escolar ou mellorar a convivencia; e actuacións varias para potenciar a competencia lingüística e matemática dos escolares.

Estas serán algunhas das iniciativas que desde este mesmo mes desenvolverán os quince centros educativos da comarca que este ano se beneficiarán dalgún dos contratos-programa para a mellora do éxito escolar promovidos pola Consellería de Educación.

a xunta fixo pública hai uns días a resolución definitiva da convocatoria

O CEIP Manuel Masdías de Caranza é un dos colexios da comarca que este curso desenvolverá algunhas das actuacións contempladas na convocatoria, en concreto tres: o programa de reforzo, orientación e apoio (o denominado PROA), o de mellora da lectura, escritura e cálculo e o de redución do abandono escolar.

No primeiro deles, segundo explica o director do centro, Óscar González, tomarán parte uns 30 alumnos, divididos en dous grupos de 15: un de 3º e 4º de Primaria e outro de 5º e 6º. Todos recibirán dous días á semana, de catro a seis da tarde, clases de reforzo a cargo de dous profesores do propio centro. “Xa informamos ás familias dos alumnos e o martes botará a andar o programa”, comentou González. Este será o segundo ano que o Masdías oferte as actividades. “Nós facemos unha valoración positiva das mesmas, mais o problema é que empezan en xaneiro, cando debían facelo xa ao inicio do curso académico”, comenta o director.

 

absentismo

Xunto a esta acción, a Consellería de Educación concedeulle tamén o programa de redución do absentismo escolar, para o que o colexio do barrio de Caranza contará, un día á semana –en horario de 9.00 a 13.00 horas– cunha educadora social –allea ao centro– cuxa misión será mediar entre a familia e o centro nas cuestións que atinxen, por exemplo, ás faltas non xustificadas dos alumnos por parte das familias. “Ela será quen se poña en contacto, de ser o caso, cos Servizos Sociais, para que a cousa non quede só en papeis”, comenta o responsable do centro.

Ademais, esta mesma profesional, que comezará a súa tarefa no colexio o vindeiro día 22, proporá unha vez ao mes charlas dirixidas aos pais, nais ou tutores legais dos alumnos sobre temas educativos que sexan de interese para os mesmos.

Xa a nivel de todo o colexio, se poñerá en marcha, tamén no marco dos mencionados contratos-programa da Xunta, o proxecto para a mellora da competencia lingüística, unha actividade que xa o pasado ano incluíu a celebración de contacontos a cargo de persoas alleas ao colexio.

Porén, a redución na partida que o centro recibirá este curso como consecuencia do aumento de centros educativos beneficiarios da convocatoria da Consellería, motivou á dirección a facer unha actividade máis interna. Proponse así a celebración dos “padriños lectores”, unha iniciativa que convertirá á metade dos alumnos do centro (os maiores) en padriños e ao resto nos seus afillados, polo que serán os primeiros os que, unha vez ao mes, relatarán un conto aos seus compañeiros en calquera lugar do recinto escolar.

A mochila viaxeira, a organización de recreos literarios ou a adquisición dalgún material destinado a mellorar a comprensión lectora serán outras das actuaciós previstas no que queda de curso.

 

san xoán de filgueira

Tamén tres serán as accións cotempladas dentro dos contratos-programa que desenvolva o CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, de Ferrol. Neste caso, do PROA beneficiaranse uns 30 alumnos –divididos en dous grupos de 15, de segundo e terceiro ciclo, respectivamente–, que contarán cunha profesora contratada a media xornada para dar clases de reforzo dúas horas semanais a cada un dos grupos –fóra do horario lectivo do centro–. Os rapaces contarán con servizo de taxi para se desprazar a estas clases.

Para o programa de mellora da lectura, escritura e cálculo, que se porá en práctica co profesorado do centro, está previsto desenvolver dúas horas á semana talleres de comprensión lectora e razonamento lóxico cos nenos de Primaria. O terceiro dos contratos-programa asinados coa Consellería é o relativo á mellora da convivencia, un plan que o colexio ferrolán vén desenvolvendo desde hai xa anos.

A directora do centro, Marián López, asegura que “estes programas funcionan”, acadando resultados satisfactorios. Ao igual que na maioría dos casos, tamén aquí a partida este ano será inferior á do anterior.

 

comarca

Ao igual que estes dous colexios, outros trece centros da comarca desenvolverán accións similares a través dos acordos asinados co departamento autonómico que dirixe Xesús Vázquez. Trátase dos colexios A Laxe de Valón, Cruceiro de Canido, Esteiro, Recimil e os institutos Ferrol Vello e Ricardo Carballo Calero –todos eles de Ferrol–, o IES Punta Candieira de Cedeira; CPI Virxe da Cela de Monfero; IES de Mugardos; CEIP A Gándara, CPI do Feal e IES Terra de Trasancos de Narón; e o IES Fragas do Eume de Pontedeume. Para poder optar a estes programas, e logo de analizar as súas propias fortalezas e debilidades, os centros tiveron que presentar un proxecto coas actuacións previstas para as diferentes liñas de acción.

Os contratos-programa son, segundo se informou desde a propia Administración autonómica, unha aposta desta polo “fomento da autonomía dos centros no ámbito pedegóxico, da organización da xestión, así como por impulsar a cultura da autoavaliación no seo das propias comunidades educativas”, salientouse.

Quince centros potencian as capacidades do seu alumnado a través dos contratos-programa

Te puede interesar