O Pinsapo, un clásico da noite ferrolá que potencia a súa programación de concertos

Desde hai un cuarto de século a noite ferrolá non se entende sen o ambiente do pub Pinsapo (Rúa María, 208). Tras 25 anos de dirección de José Ariza, o local pasou por un cambio de nome e estética, e desde hai medio ano os seus novos responsables, Cantón Vello S.L. e a axencia Run Rum, decidiron recuperar o seu antigo arrecendo e mobiliario, e ampliar a proposta de ocio cunha programación musical e teatral alternativa. Esta idea aumenta este mesmo mes con actividades que comezan o próximo sábado ás 22.00 horas. Haberá un concerto con entrada de balde no que se despedirá o trío musical formado por Airán Beltrán, Xurxo García e Lucía Cortiñas.
O venres 11, ás 23.00 horas, regresan a Ferrol os membros do popular grupo Track Dogs, unha formación de prestixiosos músicos foráneos residentes en España que interpretan temas clásicos de rock e country. O prezo da entrada será de dous euros.
O xoves 17 de abril, a partir das 23.30 horas, a quenda será para o dúo formado polos guitarristas Cabe García e Juan Padín, coñecidos como Os Homínidos. Acompañados dun caixón a modo de percusión, interpretarán temas clásicos de ampla variedade de estilos.
O sábado día 19 o protagonista será quen durante 25 anos foi o responsable do Pinsapo, José Ariza, a quen se lle fará unha homenaxe desde a medianoite. Ariza pinchará unha selección da música que puxo no seu pub ao longo da súa historia.
Seguindo con concertos gratuítos, o sábado 26 de abril será o momento do dúo D´Punto Acustic Rock.
A maiores, o Pinsapo quere recordar dúas datas emblemáticas. Así, o luns 14 fará a Festa da República para conmemorar esa data referencial, mentres que o  venres 25 de abril a celebración estará adicada á Revolución dos Cravos. Para un dos seus responsables, Maximino López, “a idea do Pinsapo é a de seguir ofrecéndolle aos ferroláns ocio alternativo e creatividade”.

O Pinsapo, un clásico da noite ferrolá que potencia a súa programación de concertos

Te puede interesar