Aberto o prazo para solicitar espazos na vindeira Feira Rural de San Sadurniño

Aberto o prazo para solicitar espazos na vindeira Feira Rural de San Sadurniño
Vista aérea da finca da Cortiña, onde se celebra habitualmente esta feira | C. G.

A leira da Cortiña volverá a encherse de actividade o vindeiro sábado 25 de agosto con motivo dunha nova edición, a décima, da Feira Rural de San Sadurniño. Un evento que se centra na posta en valor do sector primario e das posibilidades de desenvolvemento sustentable no ámbito rural e que xa ten definido case na súa totalidade o seu programa. Este céntrase nas tradicionais exposicións, obradoiros, visitas guiadas e o coñecido concurso de froita autóctona, ademais do mercado, aberto a produtos alimentarios, plantas, artesanía e artigos de segunda man, entre outros.
Desde o Concello lembran que a área de Desenvolvemento local acaba de abrir o prazo de solicitude dun espazo dentro da feira, que poderá reservarse ata o día 22 de agosto presentado cuberta a correspondente folla no Rexistro do Concello, na Casa da Cultura ou ben por correo postal ou electrónico dirixido a agustin.perez@sansadurnino.gal.
Segundo explican desde o Concello, a organización da feira fixou en 4 metros liñais o máximo que se poderá reservar debaixo da carpa principal da feira, que acollerá a venda de produtos alimentarios frescos e elabourados, mentres que nos sendeiros do denominado “arboreto” o tope terán 20 metros. Para cubrir parte dos custos da cita están establecidos os seguintes prezos por posto: Os exteriores de ata 5 metros de fronte, 3 euros; para os exteriores de máis de 5 metros e menos de 10 metros de fronte, 10 euros; os exteriores de máis de 10 metros e menos de 20, 25 euros, mentres que os postos en carpa (máximo 4 metros e só alimentación), deberán aboar 6 euros.
Por outra banda, desde o Concello indican que as entidades sen ánimo de lucro de calquera tipo que queiran acudir á feira están exentas destes prezos públicos, aínda que deberán respectar igualmente o tamaño de exposición dependendo de onde se sitúen. Ademais, xunto coa solicitude deberán achegar unha copia dos estatutos para acreditar a súa condición de non ter finalidade lucrativa.
Os importes en cuestión haberá que satisfacelos por transferencia bancaria na conta do Concello, cuxo número figura na ficha de inscrición, ou ben presencialmente na oficina de Cultura. En calquera caso os resgardos do pagamento haberá que presentalos o propio día da feira antes de montar o posto.
A décima edición da Feira Rural comezará pouco despois das 10 da mañá do sábado 25 de agosto no arboreto autóctono da Cortiña, e durante todo o día ofrecerá os produtos típicos dos mercados mensuais, xa sexan alimentación, plantas, artesanía ou segunda man, aos que se lle unen obradoiros para a rapazada, visitas guiadas á horta de conservación Carlos Fornos e ao apiario didáctico, exhibicións, catas, o sorteo de cestas de produtos, paseos en kaiak ou exposicións relacionadas co sector primario, entre outras.
Outro dos atractivos desta feira será a mostra e o concurso de froitos organizado en colaboración coa Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume (AGFA) para premiar os mellores lotes recollidos na comarca. Este ano a variedade fructícola verase ampliada, ademais, con expositores chegados doutras zonas do Estado, como Euskadi, Valladolid ou Zaragoza, segundo sinalan desde o Concello local. l

Aberto o prazo para solicitar espazos na vindeira Feira Rural de San Sadurniño

Te puede interesar