Charlas e outras actividades nas aulas para celebrar o Día da Muller e a Nena na Ciencia

Charlas e outras actividades nas aulas para celebrar o Día da Muller e a Nena na Ciencia
Un momento da charla de Luz Castro no colexio Compañía de María | d.a.

Trátase do Compañía de María e do Valle Inclán, que onte, con motivo do Día da Muller e da Nena na Ciencia, celebraron varias actividades.

No primeiro, celebráronse dúas charlas de dúas científicas ferrolás. A primeira en intervir foi María García, graduada en Biotecnoloxía e cun Máster en Neurobioloxía molecular, que na actualidade realiza a súa tese doctoral no Grupo de Neurobiología Celular e Molecular da enfermidade de Parkinson no Cimus (Centro Singular de Investigación Molecular y Enfermedades Crónicas) da Universidade de Santiago de Compostela.

A continuación foi a quenda para Luz Castro, doutora en Informática e profesora na Universidade da Coruña dentro do Máster de Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos. É ademais socia fundadora de Imaxin Software.

Estas sesións estiveron dedicadas ao alumnado de Secundaria, que ademais hoxe realizarán unha tutoría sobre mulleres científicas ao longo da historia en formato xogo de rol.

Primaria
En Primaria, os escolares realizaron traballos en pequenos grupos sobre científicas importantes mentres que os de Infantil disfrazáronse de científicos para realizar un xogo sobre inventos moi coñecidos e deseñados por mulleres.

Tamén colaborou a Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC e a Asociación Española de Mujeres Investigadoras e Tecnólogas, que achegaron ao centro unha exposición sobre mulleres científicas.
No decurso da xornada procedeuse á lectura dun manifesto no que quixeron render homenaxe a todas as mulleres que “lucharon, están luchando y lucharán por un mundo más igualitario en el que todos y todas tengamos derecho a un acceso igualitario a nuestro desarrollo profesional”.
Valle Inclán
Tamén no colexio Valle Inclán de Ferrol, en colaboración coa ANPA e a través da plataforma 11F conmemoraron onte a data cunha charla a cargo da científica Isabel Rial, que ademais de ofrecer dúas sesións para os estudantes de ESO, compartiu despois experimentos no laboratorio do centro con alumnos de Primaria.

Rial, exalumna do centro, é doutora en Farmacia pola USC e na actualidade desenvolve o seu traballo postdoutoral na Universidade da Aveiro.

A actividade contará na xornadas de hoxe coa participación da doutora en Ciencias Físicas, directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC e presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnolóxicas en Galicia (AMIT-Gal) Ana Jesús López, que falará aos alumnos de 5º e 6º de Primaria sobre “Láser, física e mulleres”.

Charlas e outras actividades nas aulas para celebrar o Día da Muller e a Nena na Ciencia

Te puede interesar