As Xornadas Apícolas do Eume tratarán o problema da vespa velutina

|

O outono chega a As Pontes coa celebración da Feira do Queixo e do Mel, a primeira das citas gastronómicas da estación, que terán continuidade xa en novembro coa de Cogomelos. As propostas comezarán cunhas xornadas apícolas que se desenvolverán na Casa do Mel de Goente desde o luns ata o domingo 12, en que rematarán coa Feira no campo da festa desta parroquia.
As xornadas principiarán o 6 de outubro con obradoiros para escolares, polos que pasarán estudantes de Infantil e de Primaria dos centros educativos ponteses. Coñecerán como se fai a extracción e o envasado do mel, farán unha visita guiada polas instalacións, elaborarán candeas de cores con cera e tamén probarán os distintos meles e productos da comarca.
O xoves 9 e o venres 10 de outubro serán as catas de meles para elixir o mellor claro e o mellor escuro (a cor e o sabor varían en función da alimentación das abellas).
Para o sábado 11 resérvanse as intervencións máis técnicas, en charlas pola mañá que tratarán cuestións tan actuais como  os problemas que plantexa a chegada a Galicia da vespa velutina. Será nunha mesa rendonda, a partir das doce do mediodía, coa participación de apicultores afectados por este insecto, que ten un impacto moi forte nas colmeas. Pero antes, ás dez da mañá, técnicos da empresa Apicosmetic falarán das aplicacións da apitoxina (veneno secretado polas obreiras) e unha hora despois Isabel Sanjurjo, directora da revista Abelleira, informará sobre a publicidade dos productos apícolas, o seu etiquetado e envase.
O sábado 11 pola tarde, ás 18.30 horas, celebrarase o concurso de receitas con queixo e mel, no que poderán participar tódolos afeccionados á cociña e no que xorden cada ano novas propostas culinarias. Elexirase o mellor prato salgado e a mellor sobremesa. As persoas interesadas deben inscribirse antes do 9 de outubro. n

As Xornadas Apícolas do Eume tratarán o problema da vespa velutina