A Biblioteca Central celebra o Día do Libro con exposicións e contacontos para os pequenos

exposición el placer de leer en biblioteca municipal
|

A Biblioteca Central da praza de España sumouse ás celebracións que tiveron lugar onte en diversos puntos de Ferrolterra para conmemorar o Día do Libro. Así, os máis pequenos gozaron dunha sesión de contacontos que correu a cargo da actriz Noelia Soriano na sala infantil e xuvenil.
Canda o programa de estímulo da lectura, o recinto alberga unha novidade. Así, pode verse no 3º andar da Biblioteca Municipal a exposición fotográfica “El placer de leer”, unha mostra itinerante organizada pola Biblioteca Torrente Ballester de Salamanca na que levan participando 2.000 fotógrafos nas súas 18 edicións, con máis de 8.000 imaxes a concurso en cor e branco e negro. En Ferrol poderá verse, ata o próximo 30 de maio, unha escolma do traballo realizado na última década.

unha ollada nova
Este prestixioso certame propón aos fotógrafos profesionais ou afeccionados que, a través da súa particular mirada, sexan capaces de capturar o instante, a sensación, a especial relación que o lector establece coa lectura nun momento determinado. A experiencia de ler como algo cotiá e íntimo para penetrar no mundo da realidade a través das palabras escritas en follas en branco que provocan diferentes emocións en seres de distintas idades e territorios.
Un exercicio que acaba convertido en imaxes captadas pola cámara. E a partir destas imaxes chegar ao espectador, ao lector ou ao paseante ocasional ofrecéndolle un conxunto de fotografías e textos que estimulen o “pracer de ler” e lle axuden a descubrir a lectura como unha actividade creativa e moi pracenteira.

A Biblioteca Central celebra o Día do Libro con exposicións e contacontos para os pequenos