“A retirada da lei do aborto foi unha conquista das mulleres, pero hai que manter a alerta”

entrevista a Eva Martínez PSOE
|

A Plataforma polo Dereito ao Aborto celebrou onte dunha maneira moi especial o Día Internacional pola Saúde Sexual e Reprodutiva das Mulleres. A data  –que este ano tivo como lema “Aborto libre, seguro e gratuíto”– conmemorouse apenas uns días despois do anuncio da retirada da lei Gallardón e este foi un motivo máis para festexar a data. Entre as integrantes da Plataforma Nacional está, en representación do PSdeG, a ferrolá Eva Martínez Montero, responsable de Igualdade na Executiva galega dos socialistas.

Cal é a súa valoración da retirada da lei do aborto por parte do PP e cales pensa que foron os motivos que levaron a tomar esta decisión?
É unha noticia estupenda. A maioría da sociedade, liderada polas mulleres que o PP tanto despreza e que quere arrinconar na súa casa cos fillos “que Dios quiera”, fomos quen de artellar unha oposición cidadá que obrigou ao presidente do Goberno a retirar unha reforma cercenadora dos dereitos das mulleres. Conseguimos tamén que o seu promotor presentase a súa dimisión unhas horas máis tarde, algo que foi moi satisfactorio, pero non debemos olvidar que todo o Consello de Ministros respaldara esta reforma e que Rajoy xa anunciou que vai modificar algún artigo da lei vixente para contentar ao seu electorado, polo que hai que manter a alerta. Ademais, o PP ten no Tribunal Constitucional un recurso contra a lei de 2010 que aínda non retirou.
Pensa que influíu a oposición interna á lei no propio PP?
Había persoas, e non só mulleres, ás que non lles gustaba a lei, pero, como pasa sempre no PP, as tres ou catro voces discordantes  non teñen ningún problema en dicir unhas cousas nos medios e votar despois outras. Aí está Feijóo, que dixo que non estaba a favor da reforma de Gallardón, pero hai uns días votou en contra dunha proposta socialista para retirar o recurso contra a lei de 2010 ante o Constitucional.

O Goberno xa anunciou que variará artigos como o relacionado co consentimento paterno no caso de menores...
O PSdeG ten a mesma postura que en 2010 neste tema, os representantes legais das mozas teñen que estar informados, agás nos casos de violacións, abusos, etc. por parte deses mesmos representantes, algo que todos poden entender. Os socialistas defendemos a lei de 2010 con todos os seus artigos e o que pedimos é que se desenvolva integramente, porque non se fai fincapé en que os gobernos central e autonómico seguen cos recortes e non invisten en prevención. Iso é o importante, porque ninguén quere abortos, hai que traballar na prevención dos embarazos non desexados.

Hai un ano do seu nomeamento como secretaria de Igualdade na executiva do PSdeG. Que balance fai?
É un ano no que, por desgraza, a maioría das administracións están en manos do PP, que segue a aplicar recortes salvaxes nos que as políticas de igualdade son as máis damnificadas e non só por cuestións de cartos, senón tamén ideolóxicas. Entrou en vigor unha reforma laboral moi lesiva para as mulleres e  neste tempo todo foi a peor. A única boa nova foi esta conquista do feminismo na lei do aborto, pero todavía queda moitísimo por facer. No PSdeG vimos de presentar unha campaña sobre a violencia machista e non paramos de traballar nas diferentes institucións nos temas que preocupan ás mulleres, co obxectivo de non permitir un paso atrás.

Na executiva hai máis representantes da comarca, pensa que Ferrolterra ten peso dabondo no PSdeG?
Nunha executiva de 29 membros máis o secretario xeral tres somos desta comarca, ademáis de que Xuventudes Socialistas, que é membro nato, está representada nestes momentos por un ferrolán, Aitor Bouza. O número tres, o responsable de Política Municipal, é o alcalde de As Pontes, Valentín González, e tanto Iván Puentes como eu levamos secretarías de grande importancia para os socialistas, el Movementos Sociais e eu Igualdade, unhas áreas que están no ADN do partido.
No PPdeG acaban de nomear como portavoz a outro ferrolán, Miguel Tellado. Que opinión lle merece?
Persoalmente coñezo a Miguel por cuestións profesionais, do periodismo, dende hai moito tempo –el empezou en Radio Fene– e polo tanto alégrome por el e espero que estea cómodo neste posto, que é de moita responsabilidade. Pero fóra diso é obvio que estamos nas antípodas ideoloxicamente e aínda que me gustaría pensar que a súa aportación ao PP como ferrolán podería ser positiva para a cidade, vendo o seu traballo político como parlamentario non o poido dicir. Por desgraza os cargos do PP sempre miran máis as súas siglas ou os intereses do partido que os dos territorios aos que representan.
No PSOE ferrolán, no que vostede milita, hai aberto un proceso de Primarias. Non é un segredo a súa simpatía pola secretaria xeral, Beatriz Sestayo, estando na súa executiva...
Son unha firme defensora do proceso de Primarias e  quero aclarar que tanto Beatriz como Ramón (Veloso, o outro candidato) son dous compañeiros do partido e merecen o meu respecto. Como membro de dúas executivas (a nacional e a ferrolá) estou obrigada a respectar e garantir que este proceso sexa o máis neutral posible, á marxe de cuestións obvias. Dito esto, como muller e como socialista, penso que é o momento de que esta cidade estea gobernada por unha  muller, e de que esta muller pertenza ao PSOE.

“A retirada da lei do aborto foi unha conquista das mulleres, pero hai que manter a alerta”