Iluminación do mosteiro, “showcooking” e performance na Festa do Pemento do Couto

Iluminación do mosteiro, “showcooking” e performance na Festa do Pemento do Couto
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-e61165e0

É un dos produtos estrela do municipio e desde hai vinteún anos protagoniza unha das festas gastronómicas máis concurridas da contorna. Os pementos do Couto volverán ser os protagonistas a vindeira semana coa celebración, na devantida parroquia naronesa, dun programa que dará comezo o sábado 20 coa xornada Noites no Mosteiro.

Dará comezo ás 20.00 horas cun “showcooking” no centro cívico social do Couto a cargo do chef Héctor López –do restaurante “Español”, de Vigo–. Alí preparará ante os asistentes varias elaboracións. A partir das 23.00 horas iluminarase o exterior do mosteiro do Couto con varias cores e motivos.

Ademais, desde esa hora e ata as 00.30 horas desenvolverase no seu interior un concerto de música de arpa celta, a cargo da artista Bleuenn Le Friec, nativa da Bretaña francesa. A xornada rematará trala celebración da performance “Fadas da noite”, que dará comezo ás 00.30 horas e na que un grupo de fadas bailarán ao son da música na zona do adro do mosteiro naronés.

Degustación
Abrirase así paso á celebración, na xornada do domingo 21, á cita central da festa gastronómica, cunha programación que arrancará, como é habitual, coa lectura do pregón. Diso encargarase este ano o artista, actor e director teatral Leandro Lamas. Será a partir das 13.00 horas no Centro cívico social do Couto.

A continuación, sobre as 13.30 horas, iniciarase o ritual de xuramento das novas Damas e Cabaleiros da Orde do Pemento do Couto, da que este ano entrará a formar parte o enxeñeiro agrónomo naronés Francisco Pico Sanjurjo. “Con esta distinción recoñecerase o labor que realizou recollendo datos e mostras para que o pemento do Couto contase coa distinción de Indicación Xeográfica Protexida (IXP) concedida no ano 2010”, indicou Tomás Casal, membro da devandita orde.

Casal participou onte, xunto á alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a edil de Festas, Natalia Hermida, na presentación dunha festa que sempre rexistra unha gran afluencia de público. Este foi un dos aspectos salientados onte por Ferreiro, que agradeceu ademais o traballo realizado polos produtores e envasadores do pemento así como o labor da AVV do Couto e da Orde.

Iluminación do mosteiro, “showcooking” e performance na Festa do Pemento do Couto

Te puede interesar