A Feira Rural de San Sadurniño terá máis expositores e amplía espazos

A Feira Rural de San Sadurniño terá máis expositores e amplía espazos
a feira rural de san sadurniño inclúe un concurso de froita de variedades autóctonas l. polo

A Feira Rural de San Sadurniño cumprirá o sábado 24 a súa quinta edición en continua expansión. A organización (o Concello e a Asociación Galega de Froita Autóctona do Eume) agarda contar con máis expositores (o prazo de inscrición está aberto ata o día 17) e, ademais, reubícanse os postos, deixando a leira da Cortiña, onde se celebrou ata o de agora, para actividades complementarias, mentres que a feira de agroalimentación, artesanía e segunda man ubicarase nos carreiros do Arboreto Galego e pola beira do río. Ademais, tamén cambiaron as datas, pasando de primeiros a finais de agosto.
As principais propostas de este encontro, co que se pretente chamar a atención “sobre a necesidade de diversificar a economía rural dun xeito sustentable” son precisamente a exposición agroalimentaria e o concurso de froita autóctona. Comezarán ás 10.30 horas. No certame alimentario poderán participar as persoas que teñan variedades do país.  Haberá premios (lotes de produtos valorados en cen euros) ó mellor conxunto de lote, á mellor variedade, á variedade en perigo de extinción e tamén á participación. O fallo será ás 13.30 e a entrega de premios, media hora despois. Sortearanse cestos de froita ás dúas e tamén ás sete da tarde.

outras exposicións
A Feira Rural de San Sadurniño contará tamén con numerosas actividades complementarias. No eido expositivo haberá mostras, de 10.30 a 19.00 horas, de apicultura, de froita autóctona, de cociñas e trebellos solares, de talla de madeira e de can de palleiro e galiña de Mos.
As actuacións musicais e teatrais comezarán xa pola mañá, coa asociación folclórica e cultural Berros do Castro (de 11.00 a 13.30) e coa presentación do libro “Pompas de cores”, de Leandro Lamas e Miguel Anxo Romero. Pola tarde, ás catro, actuarán Cé Orquestra Pantasma e o grupo de música tradicional Elai Alai, do País Vasco. Esta compañía de música e danza de Portugalete fará unha exhibición tamén ás 18.30 horas.

copa agility
A leira da Cortiña queda reservada para a copa Agility de San Sadurniño (probas de axilidade para cans), que se celebrará de once da mañá a dúas da tarde. Tamén alí serán os obradoiros para aprender a montar a cabalo a pelo, de 16.00 a 18.30 horas.
Outras propostas de ocio para a xornada pasan por ofrecer baixadas en kaiak polo Xubia, obradorios de cociña creativa para nenos e tamén un de enerxiás renovables, unha roda cicloturista de 13 quilómetros ou xogos tradicionais. Tamén haberá visitas guiadas á horta de froiteiras autóctonas (11.30 e 16.00 horas) e ó apiario didáctico (12.30 e 17.00).
O apartado gastronómico inclúe un xantar, ás 14.30 horas, con churrasco (por dez euros a ración) ou polbo (doce euros). Ademais, ás doce do mediodía está prevista unha degustación de viño e sidra elaborada con uvas e mazás autóctonas no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo.

A Feira Rural de San Sadurniño terá máis expositores e amplía espazos

Te puede interesar