Catabois cítase coas ánimas no VI Samaín

Catabois cítase coas ánimas no VI Samaín
O desfile das ánimas partirá ás 20.30 horas do cemiterio d.a.

O barrio ferrolán de Catabois vivirá hoxe a xornada máis terrorífica do ano e tamén, sen dúbida, unha das máis intensas e divertidas coa celebración dunha nova edición, a sexta, do Samaín. A asociación de Empresarios, Comerciantes e Hostaleiros (ECHO) da zona empregouse unha vez máis a fondo para organizar un evento chamado a converterse na cita de referencia de cada 31 de outubro na cidade naval.
A proposta, denominada “O quilómetro do Terror”, dará comezo ás 18.00 horas co inicio dos obradoiros de maquillaxe, globoflexia e outros xogos abertos aos rapaces –haberá tamén durante todo o día atraccións infantís–, así como varios espectáculos de malabares e de clown.
Tamén a partir desa hora poderase comezar a degustar as terroríficas tapas e receitas elaboradas polos establecementos de hostalería socios do colectivo.
Tripas ensanguentadas, dedos amputados, tostas de polen velenoso ou salchichas momificadas serán algunhas das opcións gastronómicas. Menús todos eles que virán moi ben para encher o estómago antes de servir o que será o prato forte da cita: “a volta das ánimas”.
O desfile, que cada ano goza de maior vistosidade, dará comezo ás 20.30 horas. A saída terá lugar desde o aparcadoiro anexo ao cemiterio municipal de Catabois para chegar á rotonda de Santa Mariña, percorrendo así “un kilómetro de terror” no que non faltarán grandes doses de animación teatral e musical. Preto dunha decena de carrozas, entre as que figuran as dúas da asociación ECHO –nunha viaxará o alcalde das ánimas e noutra o personaxe sorpresa da edición–, formarán parte dunha comitiva na que tamén estarán presentes os grupos de percusión de Agarimo e Retumbatuke. Así pois, cita ineludible hoxe en Catabois na véspera de Defuntos.

Catabois cítase coas ánimas no VI Samaín

Te puede interesar