Neda recupera o concurso de empanadas con motivo da Festa o Pan do 2 de setembro

Neda recupera o concurso de empanadas con motivo da Festa o Pan do 2 de setembro
Xunto ao pan, as empanadas serán tamén as protagonistas na festa de setembro

Xunto ao pan, a empanada adquirirá tamén o seu protagonismo na festa do vindeiro setembro grazas á recuperación do concurso desta especialidade.
Tendo como referencia o certame que tiña lugar no recinto feiral de Albarón, o equipo de goberno de Neda retoma esta iniciativa establecendo dúas categorías: unha profesional, para os panadeiros e panadeiras con forno na vila, e outra non profesional para todas as persoas maiores de idade empadroadas no devandito municipio.
Solicitudes
O prazo de inscrición, segundo se informou onte, permanecerá aberto do 13 ao 29 de agosto. O trámite, no que os participantes terán que dar conta dos seus datos persoais e de contacto, terá que facerse efectivo na Casa da Cultura en horario de 10.00 a 13.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.
Os profesionais terán que indicar ademais a que establecemento representan, mentres que no caso dos non profesionais, terán que presentar o seu certificado de empadronamento. 
O certame desenvolverase o propio día da Festa do Pan, prevista para o 2 de setembro no paseo marítimo de Xuvia e que este ano chega á súa trixésima edición.
Así, os participantes terán que entregar as súas empanadas entre as 11.00 e 12.00 horas, momento no que recibirán un número de participación.
A continuación, o produto quedará exposto ata a cata do xurado, que terá lugar entre as 17.00 e 18.00 horas.
Unha vez emitido o fallo, todas as presentadas pasarán a ser degustadas polo público ata fin de existencias.
Haberá dous premios por categoría valorados en 100 e 50 euros, respectivamente, xunto co correspondente diploma.
O equipo de goberno anima aos veciños a participar nun certame “dobremente tradicional, tanto porque se trata dun dos produtos máis famosos do municipio como porque se celebra no marco da festa gastronómica por excelencia de Neda”, informan. l

Neda recupera o concurso de empanadas con motivo da Festa o Pan do 2 de setembro

Te puede interesar