O Ateneo Ferrolán pode vivir a partir de hoxe ás 20.00 horas unha nova etapa coa elección de xunta directiva na súa asemblea xeral tras dous anos de presidencia de Ramón Veloso. Unha soa candidatura, a que lidera a profesora Ángeles Seoane, preséntase á elección. Precisamente onte a directiva saínte reuniuse coa que encabeza Seoane, a petición desta última, para coñecer a situación da entidade.
Unhas horas antes da mesma, o presidente Ramón Veloso destacaba: “Non haberá sorpresas. Explicarémoslles o que hai. O tema económico está baixo luz e taquígrafos e as contas coñécense. Non serán ningún problema”.
balance e valoración
A nivel persoal, Veloso destaca respecto a este fin de ciclo que “son etapas que un pasa, pero houbo moitas dificultades coas que non contaba. O máis importante para min é a devolución do noso patrimonio por parte do Concello. É algo que está asinado e polo tanto debería xa de levarse a cabo”.
En canto ao balance da xestión, Veloso está satisfeito e lembra que “hai acordos coa Xunta e o Concello para o futuro do Premio Bellón, recuperouse a revista Atenea e editouse en papel, continuaron os premios de fotografía e curtas, as charlas ou exposicións de grande nivel como a que fixemos en abril cos mellores artistas de Ferrol”.
En canto ao aspecto económico, o presidente destaca que “se os ingresos son de 3.500 euros ao mes e só de gasto laboral temos 3.800, resulta difícil funcionar por moitos pagos de cotas extraordinarias que fagamos. Ademais, antes as entidades financieiras facilitaban os pagos e agora non. Aínda así creo que o Ateneo ten solución porque nos movemos en cantidades razonables”.
No negativo, Veloso incide en que “fóra da actitude do Concello, o peor foi non poder contar co noso patrimonio. Así mesmo, non ter unha cafetería resulta moi negativo pola situación dos nosos ingresos e polo que supón de axuda financieira á sociedade. Por non falar do servizo que se dá. En canto ás sociedades que viñeron ao noso edificio, nós non temos nada contra elas, ao contrario, xa que compartimos socios con algunhas. O problema non é tanto o seu traslado aquí como a ubicación dentro del. Por exemplo, o espazo ao que o Concello enviou á Sociedad Artística Ferrolana ía ir a cafetería. Ese tipo de cousas teñen solución, se se quere”.