Jorge Llorca obtén a XXXI edición do Premio Blanco Amor con “O violín de Rembrandt”

Jorge Llorca obtén a XXXI edición do Premio Blanco Amor con “O violín de Rembrandt”
firma de libros de jorge llorca en la feria del libro de ferrol

A organización por parte do Concello de Ferrol da XXXI edición do Premio Blanco Amor de novela (a máis importante en galego xunto co Xerais) trouxo boa sorte a un dos seus artistas máis ilustres, o pintor Jorge Llorca. Este creador, que nos últimos tempos veu dando mostras do seu interese pola literatura, logrou o favor do xurado con “O violín de Rembrandt” dentro das 21 obras presentadas a esta edición. O autor obtén así, ademais do prestixio, un premio en metálico de 12.020 euros.
O fallo, anunciado onte polo concelleiro de Cultura Reyes García, foi elaborado por un xurado conformado polos escritores Medos Romero, Xabier P. Docampo, Manuel Forcadela e Laura Tato. O premio será entregado a Llorca o vindeiro 2 de novembro nun acto que se realizará no Teatro Jofre ás 20.30 horas.   
Os integrantes do xurado da XXXI edición do Premio de Novela Longa Branco Amor destacaron a calidade e variedade da totalidade das obras presentadas.
Con respecto ao texto gañador aseguraron que se trataba “dunha novela na que prima o humor cun ton áxil, fresco e irreverente que reflicte ambientes sociais de pequenas cidades, nas que o contraste entre o global e o local vese neutralizado con personaxes cotiáns”. Unha obra que cualificaron como “nada do desexo de contar e que dá como resultado unha narración fluída e gozosa para o lector”.

de arte e tentacións
“Presenteime empurrado por espíritos próximos e moi queridos que me animaron, e polo que se ve con razón”, así falaba onte Jorge Llorca que estes días vén de xubilarse do seu traballo como profesor na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña. En canto á obra gañadora, “O violín de Rembrandt”, Llorca salienta que trata o tema, sempre con humor, da arte e das tentacións. “O primeiro a través do protagonista, un profesor que malvive dando clases de historia da arte nunha academia moi decadente. De súpeto aparece a posibilidade de facerse cun violín Stradivarius e un cadro de Rembrandt co que aliviar considerablemente a súa situación económica. Con este plantexamento inicial reflexiono sobre a situación da arte desde o punto de vista do mercado, a docencia, a creación, etc. Tamén do fácil que é non caer en tentacións cando non as tes enfronte de ti, ou o difícil que é non caer cando se presentan diante”.     
En 2009 Llorca publicou o libro de contos “O salto do can” (Edicións Xerais), aínda que xa desde a súa adolescencia obtivera premios como o de relatos de El Correo Gallego, Estafeta Literaria ou o de Narracións Curtas Ateneo Ferrolán. Nada comparable ao Blanco Amor, que o sitúa no máis alto do panorama literario galego. Trala súa xubilación, Jorge Llorca agarda ter tempo “tanto para pintar e expoñer con máis frecuencia como para seguir escribindo, unha faceta que nunca me abandonou durante a miña vida”, comenta. n

Jorge Llorca obtén a XXXI edición do Premio Blanco Amor con “O violín de Rembrandt”

Te puede interesar